Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Río Xallas

Adega exixe que non se lle prorroguen tres novas concesións a Ferroatlántica

O Goberno en funcións de Manuel Fraga aprobounas en 2005, mais foi a Consellaría de Industria, xa no período do bipartito, que as autorizou.

Redacción - 09:15 10/06/2010

A asociación ecoloxista Adega exixiulle á Xunta que non prorrogue o prazo para que Ferroatlántica, de propiedade de Villar Mir, realice as obras de tres novos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas: as minicentrais Fervenza II, Ponche Olveira II e Novo Castrelo

O Goberno en funcións que presidía Manuel Fraga aprobounas en 2005, mais foi a Consellaría de Industria, en xullo de 2007, xa no período do bipartito que as autorizou.

O prazo de execución dado para as obras concluíu en xullo de 2009, mais "ao parecer, Ferroatlántica pediu a ampliación dese prazo", informa Adega, polo que demanda da actual Consellaría que non o amplíe e a Augas de Galicia, que decrete a caducidade das concesións.

"O Xallas -recordan- é o río con maior potencia instalada nas concas (responsabilidade) da Xunta e nos últimos 20 quilómetros atópase completamente alleado a Villar Mir, con 5 aproveitamentos e 4 encoros". "Os quilovatios hidráulicos do Xallas só son para Villar Mir unha fonte de liquidez para acometer gorentosas operacións especulativas en Madrid", aseguran.

"Accidente xeográfico a tempo parcial"

Coa ampliación do prazo, "a Xunta estará certificando a morte definitiva dun río e a deterioración da Devesa de Anllares, o bosque atlántico máis occidental de Europa", e significaría a "conivencia" do Goberno cunha empresa "responsábel da catástrofe do encoro da Fervenza", en 2007, e dos "continuos incumprimentos do caudal ecolóxico e do réxime de desaugamentos no Xallas".

Especialmente, pídenlle ao conselleiro Agustín Hernández (enxeñeiro do encoro de Santa Uxía, en 1986-89, "unha das agresións máis salvaxes ao noso patrimonio natural e que, para a nosa vergoña, fixo de Galiza o único país do mundo cun accidente xeográfico a tempo parcial -Ézaro-") que aproveite a "oportunidade de non aumentar esta afronta e restituír parte da súa dignidade ao Xallas".


4/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: