Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Hai alternativa!"

Refundando (en xerundio) a esquerda

Iníciase un camiño que procura "reescribir e reformular todo o que haxa que reescribir e reformular" para saír da "calella sen saída" onde "o capitalismo levou a sociedade".

Fernando Arrizado - 18:25 03/06/2010
Presentación, na Galería Sargadelos

Presentación, na Galería Sargadelos

"En xerundio, Refundando A Esquerda, porque é un camiño, porque estamos niso", explicou Iolanda Díaz. "Abramos a porta, deixemos que entre o aire e sexamos quen de chegar a un punto de encontro entre os homes e mulleres de esquerda", continuou a coordinadora nacional de EU.

Como unha convidada máis, canda o profesor da USC especializado en pedagoxía Herminio Barreiro, o poeta e xornalista Xoán Abeleira e o escultor ferrolán Suso Basterrechea, presentaron o acto público que este sábado ás 11.30 horas, no Teatro Principal de Compostela, escenificará o inicio dun proceso que procura pór os alicerces dunha "alternativa real ao sistema capitalista".

A "fragmentación da esquerda", o "desencanto" e a "desmobilización social" -consideran- non poden nin van poder co "potencial democrático da sociedade galega" que "continúa a ser enorme". Por iso este diálogo, que dará os seus froitos nos foros de debate "autoxestionados" nos meses vindeiros; por iso, fornecido por un "abano ideolóxico moi amplo".

Un proxecto baseado en tres bloques de actuación: xente da cultura a título individual; as organizacións sindicais CUT e CC.OO; e as políticas EU e FPG. Porén, pretende ser aberto e non está pechado a novas incorporacións. "Colectivamente está convidado todo o mundo, porque o importante virá nos traballos colectivos posteriores ao acto do sábado", aclarou Iolanda Díaz.

PSdeG e BNG, non convidados

Hai, no entanto, dúas organizacións políticas que como tal non foron convidadas: PSdeG e BNG. "Por razóns obvias". Explicouno Díaz: "O neoliberalismo está hoxe en día mellor representado no PSOE ca en ningunha parte e o BNG está localizado nunha socialdemocracia, lamentabelmente non en termos clásicos, e si nunha faixa da dereita na sociedade".

"Obviamente, temos que confluír con esas xentes críticas do BNG, que as hai e moitas, e con esas do PSdeG-PSOE que están a berrar contra as políticas económicas que se están a levar adiante. O causante do que está a ocorrer en Galiza e no mundo, non o podemos esquecer nunca, é o sistema capitalista, aínda que ás veces se presente con nomes diferentes", argumentou Iolanda Díaz.

Xoán Abeleira, pola súa banda, destacou o "loábel" da iniciativa, sobre todo nestes "tempos escuros" en que -parafraseando a Godard- "nos achegamos á nada". O que será o condutor do acto no Teatro Principal dixo que o sistema capitalista nos levou a unha "calella sen saída". "Ao final desta calella érguese un muro que cómpre derrubar con picos; non é o momento de discutir de que cor son estes picos".

Herminio Barreiro afirmou que "é o momento de refundar, de reescribir e reformular todo o que haxa que reescribir e reformular" nun proceso en que "todos temos a palabra" e como "alternativa ás opcións políticas actuais que non son a solución óptima". Tamén Suso Basterrechea incidiu nesta idea, e sinalou que Reformulando A Esquerda permitirá "acomodo á xente que non o atopa noutros ámbitos".

É a creación dunha nova formación política o fin deste proceso? "Chegaremos onde os movementos sindicais, políticos, ecoloxistas, feministas, onde os homes e mulleres de esquerda queiramos chegar", declarou Iolanda Díaz.

Participantes

Ademais dos catro representantes na presentación do acto, que leva por lema Os tempos son chegados. O pobo quere esquerda tomarán a palabra o sábado en Compostela: Xabier Ron, do Consello do Foro Social Galego; Alfredo Iglesias Diéguez, tamén do Foro; Miguel Fernández, voceiro da Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Daniel Salgado, poeta e xornalista.

Tamén Mariluz Maset Catalá, da Marcha Mundial das Mulleres; Ricardo Castro Buerguer, secretario xeral da CUT; Eliseo Fernández, historiador e militante libertario; Mariluz Canal, avogada militante nos movementos sociais; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG; Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO; Mariano Abalo, secretario xeral da FPG; e Cayo Lara, coordinador federal de IU.


4/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: