Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Política e políticos

O Supremo confirma a condena ao finado Pepe Rubianes por "vulnerar a honra" do alcalde de Salamanca

"Non é unha persoa da política" polo que "non se pode aplicar a doutrina relativa ao que se denominou contenda política", di.

Redacción - 18:20 02/06/2010
O actor galego Pepe Rubianes

O actor galego Pepe Rubianes

O Tribunal Supremo confirmou a condena imposta ao finado humorista galego Pepe Rubianes por vulnerar o dereito á honra do alcalde de Salamanca, Julián Lanzarote (PP), segundo a sentenza feita pública esta cuarta feira.

A condena foi ditada en xuño de 2007 pola Audiencia Provincial de Salamanca, que considerou probado que Rubianes escribira nun portal de noticias de Cataluña ao respecto dos "papeis de Salamanca" do antigo Arquivo da Guerra Civil, hoxe Centro da Memoria Histórica..

Naquel artigo cualificou o alcalde de Salamanca de "idiota" e un "desgraciado" pola súa postura respecto da saída dos papeis do Arquivo da Guerra Civil, engadiu a expresión "que cona vai ler!" e ao tempo dixo que agardaba que Julián Lanzarote "afogue na súa propia merda".

En primeira instancia, o Xulgado número 2 de Salamanca desestimou a petición do alcalde, aínda que esta sentenza foi revogada pola Audiencia Provincial, que recoñeceu a vulneración do dereito denunciada e condenou o humorista a publicar a sentenza no citado portal durante dous días.

Agora, o Supremo segue a liña do órgano xudicial salmantino, ao considerar que as manifestacións de Rubianes "redundan no descrédito da persoa afectada, que pola súa proxección pública e política ten transcendencia social, comportando en si mesmas unha descualificación inadmisíbel de reputación".

Política só para políticos
A sentenza tamén sinala que Rubianes "non é unha persoa dedicada ao mundo da política, senón un terceiro alleo a este ámbito, non resultando de aplicación en consecuencia a doutrina relativa ao que se denominou contenda política". E engade que "se pode discrepar, censurar e criticar con toda a forza que se estime necesaria, mais non insultar".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: