Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reaccións

O ataque á Frota da Liberdade indigna a opinión pública

Falamos con Camilo Nogueira, ex eurodeputado do BNG; Pedro Gómez-Valadés, presidente de AGAI; e Xosé María Torres, responsábel da Coordinadora Galega de ONGD.

Fernando Arrizado - 16:30 01/06/2010

Este martes, logo de 12 horas de intensas negociacións, o Consello de Seguridade da ONU cualificou a situación de Gaza de "insostíbel" e subliñou que a única solución posíbel ao conflito palestino-israelí é a negociada. Porén, malia condenar o asalto do Exército israelí á Frota da Liberdade fronte ás costas de Gaza, en augas internacionais, o máximo organismo de Nacións Unidas evitou condenar a Israel e a súa política de apartheid cara aos palestinos na Faixa.
 
Falamos con Camilo Nogueira, ex eurodeputado do BNG; Pedro Gómez-Valadés, presidente de AGAI; e Xosé María Torres, máximo responsábel da Coordinadora Galega de ONGD, que ofrecen a súa visión sobre o ataque e sobre o conflito.

C. Nogueira: "A idea do Gran Israel enchoupa toda a política israelí"
O ex deputado do BNG no Parlamento Europeo e colaborador habitual de Vieiros, Camilo Nogueira, coñece de primeira man a situación que se vive na rexión. Mesmo nunha das catro ocasións en que visitou Palestina -a última acompañando unha delegación do Parlamento Europeo pouco despois do masacre de Gaza- sufriu un dos coñecidos controis exhaustivos que realizan as autoridades israelís, que o tiveron "arredor dunha hora exposto a escáneres", comenta.

Nogueira considera que o ataque á Frota da Liberdade "demostra máis unha vez que Israel é un estado fóra da lei, que pensa que pode facer o que queira", e ademais -sinal- dun xeito “perverso” porque o basean nunha "decisión divina".

"A situación que se vive en Gaza é de apartheid, mesmo tamén en Cisxordania porque hai que lembrar que a Autoridade Nacional Palestina (ANP) ten control apenas sobre as cidades", recorda, e opina que até que a comunidade internacional "especialmente os EUA e a UE" se decidan a apostar con firmeza pola creación de dous estados non vai mudar nada. "Mais cun estado (o palestino) realmente soberano, con fronteiras no Xordán e no Mar", matiza.

Neste senso, cre que a UE ten un papel "decisivo" xa que, explica, mantén unha colaboración económica especial con Israel e ao tempo achega axuda económica á ANP. Ademais, “os israelís considéranse moi europeos”, comenta.

Segundo Camilo Nogueira, "a cuestión relixiosa tornouse paranoica en extremo. Mesmo para falaren dos territorios palestinos só falan de 'territorios', como se fose unha cuestión pasaxeira. A idea do Gran Israel enchoupa toda a política israelí, aínda no seu propio prexuízo xa que nun único estado os palestinos son maioría".

Pedro Gómez-Valadés: "Calquera Estado do mundo faría o mesmo"

Tamén na rexión estivo Pedro Gómez-Valadés, presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI). Ao respecto do ataque á Frota da Liberdade, salienta en primeiro termo que "o máis lamentábel é a perda de vidas humanas", unhas mortes que -apunta- eran "evitábeis".

No entanto, a análise que fai do suceso dista moito da do resto de consultados. Mentres que uns condenan sen paliativos o ataque, Gómez-Valadés considera que "as imaxes son bastante claras" e que "ningún outro Exército do mundo permitiría iso". En concreto, fai referencia ao "lanzamento de cócteles molotov" ou ao "intento de linchamento" dun dos soldados que "foi tirado desde unha altura duns dez metros".

O presidente da AGAI acusa directamente a organización promotora da Flota da Liberdade, IHH (Insani Yardim Vakfi), "unha organización islamista turca" que "procuraba o efecto mediático da detención do buque". De feito, sinala, "cinco dos seis buques pararon as máquinas, mais o sexto onde viaxaban responsábeis da ONG (de carácter relixioso, mais membro consultivo do Consello Económico e Social da ONU) négase".

Gómez-Valadés ofrece máis datos: "O pai de Gilad Shalit (soldado israelí retido por Hamás desde o 25 xuño de 2006) ofreceuse de mediador ante o goberno para que puidesen entregar a carga e en troques pediulle á organización da flota que lle levasen unha carta e un paquete ao fillo, mais tamén se negaron" E, defende, "o propio goberno permitía descargar nun porto israelí e facer a entrega, previa inspección".

A gravidade do incidente afectará as relacións internacionais de Israel? "Unha vez pasen os primeiros días, non vai mudar nada substancialmente", cre Pedro Gómez-Valadés. "A UE achegará unha postura de consenso, e máis alá do que digan os Estados por detrás, todos todos, sexan da cor que sexan, farían o mesmo nesta situación", di, e critica a 'hipocresía' de Turquía, que “quere converterse en paladín do mundo islámico, mentres ten os curdos e armenios como os ten".

"O triste -conclúe- é que o bloqueo de Gaza se levantaría mañá mesmo se Hamás recoñecese o dereito a existir do Estado de Israel e deixase de ser unha ameaza militar".

Xosé María Torres: "Unha vez máis, a ONU non serve para nada"

O presidente da Coordinadora Galega de ONGD, Xosé María Torres, cualifica o ataque de "acto de pirataría e masacre", e remítese ao comunicado emitido por Amnistía Internacional no que se fala de "homicidio". Porén, mantén a esperanza de que o suceso permita mudar a situación de cara ao futuro, e salienta as manifestacións espontáneas da sociedade en todo o mundo, na liña dun "maior interese pola situación que se vive" en Israel e Palestina.

Por iso, explica, "cómpre situar o punto de partida desta situación, algo esquecido na maioría dos medios". "Gaza é un cárcere de 40x15, onde viven 1,5 millóns de persoas, e que está sometida a un bloqueo ilegal por parte do Estado de Israel. A taxa de paro é do 80% e a cidadanía non ten cubertas as necesidades básicas", explica Torres, que asegura que "mesmo a roupa está bloqueada; non sei que clase de arma de destrución masiva é?", ironiza.

Respecto da resolución do Consello da ONU, que condenou o ataque mais evitou pronunciarse sobre a política israelí, o presidente da Coordinadora afirma que, "sen nos perder en xerga diplomática, hai que dicir que non condena a Israel". "Unha vez máis, a ONU non serve para nada. A suposta mudanza coa chegada de Obama ficou en nada", engade.

Ademais, cre que "Rusia ten un acordo tácito cos EUA de non se inmisciren un nos asuntos do outro: Eu mato en Chechenia e ti deixas que Israel faga o que lle dea a gana. E China, a potencia emerxente, continúa coa súa tradición política de se desentender a cuestión dos dereitos humanos, quizais porque tamén ten moito que agochar".

E a UE? "A UE xira entorno ao eixo franco-alemán. Alemaña nunca vai dicir nada de Israel nun milleiro de anos, pola débeda histórica que ten, e Francia no actual contexto tampouco se vai mollar. O Reino Unido permanece como un apéndice dos EUA, e o goberno español representa o papel dunha potencia pequena sen capacidade de incidir", analiza Xosé María Torres.


3,9/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manifestación de protesta polo ataque en Toquio
Manifestación de protesta polo ataque en Toquio
En Turín
En Turín
Fronte á Casa Branca, en Washington
Fronte á Casa Branca, en Washington
No noso país están previstas concentracións en varias cidades ás 20.30 horas. Na imaxe Londres
No noso país están previstas concentracións en varias cidades ás 20.30 horas. Na imaxe Londres