Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asalto do Exército israelí á Frota da Liberdade

O Consello da ONU evita condenar a Israel

Con todo lamenta a "perda de vidas" e pide unha investigación "rápida, imparcial, críbel e transparente". Este martes ás 20.30 horas, concentracións en Galiza.

Redacción - 09:00 01/06/2010
Todos os horarios ao pé da nova

Todos os horarios ao pé da nova

O Consello de Seguridade da ONU evitou condenar este luns o asalto do Exército israelí á Frota da Liberdade fronte ás costas de Gaza. Con todo lamentou a "perda de vidas" e pediu unha investigación "rápida, imparcial, críbel e transparente".

Logo de 12 horas de intensas negociacións, cualificou a situación de Gaza "insostíbel" e subliñou que a única solución posíbel ao conflito palestino-israelí é a negociada. Os 15 países que forman o máximo organismo de Nacións Unidas estudaron de madrugada un segundo borrador de condena.

EUA, defensor de Israel
O principal obstáculo é se a investigación se fará a nivel internacional e de forma independente, tal como pide Turquía, ou se será unicamente realizada por Israel, tal como prefiren os Estados Unidos, segundo fontes diplomáticas citadas por axencias internacionais.

Tamén parece difícil atopar un acordo en canto á condena dos feitos, xa que os EUA criticaron a actitude "provocativa" dos cooperantes, recordando que poderían facer entrega da súa axuda sen desafiar o bloqueo israelí.

Por outra banda, a Mariña israelí está preparada para deter outro barco que se dirixe á Faixa de Gaza con axuda humanitaria a bordo. A emisora do Exército israelí informou de que o MV Rachel Corrie, un buque mercante reconvertido, podería alcanzar augas de Gaza esta cuarta feira mércores.

Ante esta información, un tenente da Mariña, baixo condición de non ser identificado, aseguraba nunha entrevista concedida este martes á emisora que a toma do barco sería "sinxela".

Actualizada este luns ás 17.35 horas

O máximo órgano de decisións das Nacións Unidas tiña prevista a xuntanza para as 19.00 horas (en Galiza), a petición de Turquía (o primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan, que cancelou unha xira por Latinoamérica, anunciou que o ataque terá "consecuencias") e do Líbano, país este último que ostenta a presidencia temporal.

Pouco antes, o secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, pediu a Israel "unha explicación urxente" e "unha investigación completa". Ban, que condenou o ataque mais sinalou tamén que "aínda non están claras" as causas do incidente, declarou sentirse "conmocionado polos informes sobre os mortos e feridos nos barcos mentres levaban abastecemento a Gaza, aparentemente en augas internacionais. Condeno esa violencia".

Ademais, pediulle ao coordinador especial da ONU para Oriente Próximo, Robert Serry, e ao responsable da Axencia da ONU para os Refuxiados (UNRWA), Filippo Grandi, que "de forma activa urxan á contención e aseguren que non se producirán máis danos, ademais de se coordinaren con todas as partes relevantes" no conflito entre israelís e palestinos.

En Israel, a portavoz do seu Exército, a comandante Avital Leibowitz, asegurou que os tripulantes da frota abriron fogo, trataron de apuñalar e lanzaron pedras aos soldados. As autoridades israelís sosteñen tamén que no barco se transportaba armamento. Netanyahu lamentou as mortes, mais defendeu a operación.

Máis información:


Convocatoria de protesta en toda Galiza

No noso país, ao igual que está a acontecer en todo o mundo, a asociación Galiza por Palestina convocou para este martes ás 20.30 horas, concentracións en protesta contra o "ataque asasino do exercito sionista".

As manifestacións de repulsa están previstas polo momento na Coruña, fronte ao Obelisco, e en Compostela, na Praza do Toural. Tamén en Ferrol, diante do edificio da Xunta; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo, no MARCO. No resto do país, informan, "de non haber convocatoria unitaria anterior", será diante da Casa do Concello.

Tamén ao respecto se pronunciou este mesmo luns o Seminario Galego de Educación para a Paz emitiu un comunicado condenando o ataque á frota humanitaria de axuda a Gaza.


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: