Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR QUINTO ANO

As montañas si importan

Subir ao cumio dun monte para pedir a súa protección. Este é o convite que nos achegan os ecoloxistas de Adega e RedMontañas.

Redacción - 12:00 29/05/2010

O despoboamento, a depredación provocada pola industria eléctrica ou polas canteiras, a falta dunha protección efectiva... Os montes galegos están suxeitos a múltiples agresións que están a comprometer o seu futuro. En resposta, o colectivo ecoloxista Adega, en colaboración coa Asociación RedMontañas, convoca por quinto ano a acción “Montañas en Rede”, unha iniciativa reivindicativa para exixir unha mellor xestión dos nosos montes.

Para participar, non hai máis que subir a un cumio ou outeiro galego e tirar unha foto no curuto cunha faixa que recolle o lema deste ano “As montañas si importan” (pódese baixar na web de Adega). Estas imaxes pasarán a formar parte da Galería Montañas en Rede 2010 que, ademais de reivindicar a protección do monte, tamén participa nun concurso fotográfico.

Os ecoloxistas subliñan que, en Galiza, “moitas áreas de montaña carecen de protección efectiva e están sometidas ó impacto das eléctricas, canteiras...” e que, mesmo as áreas formalmente protexidas (Rede Natura, Parques Naturais ou outras) “seguen sen contar cos instrumentos de xestión obrigatorios por lei que deberían permitir harmonizar a conservación dos seus valores naturais co desenvolvemento sustentábel e os beneficios para os seus habitantes”.

Recordan que as montañas precisan atención por numerosos motivos: porque as persoas que habitan os vales son ás veces as únicas depositarias de prácticas e técnicas útiles para o futuro sustentábel destas áreas; polo seu amplo patrimonio cultural; porque a maioría dos recursos hídricos da Península dependen directa ou indirectamente das zonas de montaña; porque os bosques de montaña favorecen a recarga dos acuíferos ou controlan as escorrentías; e pola súa biodiversidade, dando acubillo a unha grande variedade de especies e de ecosistemas únicos destes ambientes.


4,7/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: