Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NIN UN EURO MÁIS PARA OS CONCELLOS

Os alcaldes rebélanse: 'os fondos non son suficientes'

Mentres o goberno español prohibe os concellos pedir créditos a longo prazo, os dirixentes locais subliñan o desigual reparto dos cartos públicos.

Isabel G. Couso - 12:30 25/05/2010
A obra pública vaise ver moi limitada en todos os municipios

A obra pública vaise ver moi limitada en todos os municipios

O goberno español pechoulle a billa aos concellos. A imposición da austeridade chegou até o último elo da administración e os municipios terán prohibido, a partir do vindeiro 1 de xaneiro, pedir créditos a longo prazo. O obxectivo, unha vez máis, é o de reducir o déficit do sector público, unha exixencia europea e dos organismos económicos internacionais que, din os alcaldes, afogará aínda máis a administración local.

Con todo, os rexedores respiraron este martes máis aliviados, despois de que a medida, anunciada o luns, fose publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) cunha pequena modificación sobre o anunciado. Se ben o goberno español falara dun recorte inmediato, que entraría en vigor a partir da súa publicación, as presións dos municipios fixo que esta redución do crédito non entre en vigor até o 2011. Dánselle así sete meses de marxe aos concellos para rematar os seus proxectos en curso, á vista de que moitos deles mesmo convocaron plenos na noite do luns para aprobar créditos urxentes e evitar así a inminente prohibición estatal.

Os alcaldes galegos opinan: municipios e “raquitismo financeiro”
Alén deste novo vaivén na toma de decisións por parte do goberno de Zapatero, os alcaldes galegos, de diferentes sensibilidades políticas, reclaman para si máis fondos públicos. Neste punto coinciden tanto Evencio Ferrero (alcalde de Carballo polo BNG), Manuel Martínez (alcalde de Becerreá, polo PSdeG, e Xosé Luis Torres (alcalde de Ribeira polo PPdeG).

Sobre a decisión concreta da supresión do crédito, tanto público como privado, as opinións son máis diverxentes. Manuel Martínez, socialista, se ben entende que “calquera medida restritiva e que condicione o gasto municipal non é positiva”, tamén opina que “na actual situación económica todos debemos cooperar”. Máis contundentes son Ferrero e Torres, quen auguran “consecuencias moi graves” para os cidadáns por mor deste Real Decreto Lei.

Xosé Luís Torres (PPdeG) subliña que os recursos ordinarios dos municipios están minguando e adianta que os concellos teñen que facer un grande desembolso para proporcionar os servizos que demanda a cidadanía. “Cada vez os concellos teñen máis funcións, mais os ingresos son menores”, adianta apelando á redución de ingresos por tributos municipais como as licenzas de obra e ao actual recorte estatal.

Pola súa parte, Evencio Ferrero (BNG) lamenta que “agora sexa o Fondo Monetario Internacional quen dite a política crediticia cos concellos” e incide nas desiguais consecuencias desta medida nos diferentes concellos. “Non é xustificábel este tipo de medidas liñais cando a realidade de cada concello e a súa débeda é diferente”, apunta. Ao tempo que destaca que a débeda dos municipios galegos é a metade da media estatal (as últimas cifras apuntan a unha débeda acumulada dos municipios galegos coas entidades financeiras de 670,257 millóns), reitera que a medida “obedece a unha lectura macroeconómica que non atende á realidade específica dos municipios”.

Finalmente Manuel Martínez (PSdeG) lamenta que os concellos teñen, cada vez, máis reducida capacidade financeira. “O reparto de fondos debería obedecer a un 50% para o Estado, 25% para a comunidade autónoma, e un 25% para os concellos”, afirma ao tempo que explica que actualmente o reparto non deixa na administración local máis dun 13% dos cartos públicos”. A maiores denuncia que “os concellos teñen que afrontar un gasto que non lles corresponde, en sanidade, educación ou dependencia, eidos nos que o desleixo da administración autonómica fai que os concellos teñan que achegar recursos propios”.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os concellos denuncian que as súas contas xa están, de por si, afogadas / Imaxe: Concello de Pontevedra
Os concellos denuncian que as súas contas xa están, de por si, afogadas / Imaxe: Concello de Pontevedra
Torres Colomer (PPdeG), Manuel Martínez (PSdeG) e Evencio Ferrero (BNG) coinciden en subliñar que os concellos xestionan poucos fondos
Torres Colomer (PPdeG), Manuel Martínez (PSdeG) e Evencio Ferrero (BNG) coinciden en subliñar que os concellos xestionan poucos fondos