O plan contempla unha redución do déficit de 7.260 millóns de euros mais o propio executivo que haberá “outras decisións difíciles”.
A febre de recortes no gasto público percorre Europa. Se hai dúas semanas Rodríguez Zapatero anunciaba que o Estado Español ía recortar 15 mil millóns de euros en 2010 e 2011, agora o novo goberno británico anuncia que tamén toca arrefriar o gasto. O seu ministro de Finanzas, George Osborne, anunciou este luns que o executivo está decidido a aforrar 7.260 millóns de euros, nun primeiro paso para nun prazo máis longo conseguir reducir o forte déficit (181 mil millóns de euros).
O propio Osborne deixou claro que logo desta medida van vir outras para intentar crear “unha economía máis forte”. O secretario de Estado do Tesouro, o liberaldemócrata David Laws, non andivo con moitas voltas e recoñeceu que nesta lexislatura o goberno vai ter que tomar “moitas outras decisións difíciles” para conseguir un crecemento económico.
As principais reducións no gasto estarán no Transporte (793 millóns de euros menos); Educación (970 millóns); en transferencias a gobernos locais (670 millóns de euros); ou en Traballo e Pensións (621 millóns). Tamén haberá recortes no gasto de transporte e viaxes de altos cargos políticos e funcionarios.
Mais a alarmas saltaron este mesmo domingo, cando 'The Sunday Times' publicou que o executivo valoraba reducir 300 mil empregos públicos. Dende o goberno negaron que se barallase ningunha cifra concreta e sinalaron que a curto prazo a prioridade é que se peche a oferta de novos postos.