Segundo adiantaron algúns medios, afectaría as que superen o millón de euros entre rendas e patrimonio.
Zapatero tenta acougar as críticas
O goberno español ultima os detalles para crear un imposto extraordinario para as grandes fortunas que superen un limiar amplo entre as súas rendas e patrimonio, que a Cadena Ser cifrou en máis dun millón de euros sumando propiedades, accións, ingresos e aforros.
O gravame, que segundo fontes consultadas por Europa Press sería similar ao suspendido Imposto de Patrimonio, non tería que ver co IRPF e arredor de 100 mil contribuíntes poderíanse ver afectados.
Un tributo que xa existe, por exemplo, no Estado francés, chamado imposto sobre a solidariedade das grandes fortunas, que grava as persoas que atesouran máis de 750 mil euros, informan medios internacionais.
Polémico 'axuste social'
O primeiro ministro español, José Luis Rodríguez Zapatero, xa insinuara esta cuarta feira que subirían os impostos "aos que realmente teñen", logo das críticas recibidas polo duro 'axuste social' anunciado hai unha semana co fin de reducir o déficit situado no 11,2% en 2009.