O xuíz pídelle a Adega que deposite 10 mil euros para poder persoarse como acusación no proceso aberto sobre a piscifactoría de Rinlo.
Álvarez Campana é hoxe presidente de Portos de Galiza
O procedemento aberto contra Xosé Manuel Álvarez-Campana, quen fora director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no Goberno de Fraga, por un suposto delito de prevaricación ambiental e urbanística no caso da piscifactoría de Rinlo (Ribadeo) precisa de 10 mil euros para continuar o seu trámite. Esta é a fianza que vén de solicitar o xuíz ao colectivo ecoloxista Adega para persoarse como acusación.
Antecedentes
Anteriormente, dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) déronlle a razón aos ecoloxistas e demostraron a aprobación ilegal do proxecto sectorial para a construción da granxa mariña por parte da empresa da propiedade de Ramón Álvarez Cascos, Acuinor. En consecuencia, a Fiscalía de Medio Ambiente denunciou a Álvarez-Campana polos presuntos delitos de prevaricación, denuncia que foi admitida a trámite polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Santiago de Compostela.
Porén, ao tratarse dun procedemento do contencioso-administrativo, precisa dunha acusación persoal que, neste caso, exercería Adega. A fianza de 10 mil euros é considerada “excesiva” polos ecoloxistas, máxime cando a acusación partiu da Fiscalía e cando o TSXG xa ditou sentenzas ao seu favor. Ao respecto subliñan que “noutros casos recentes abertos mesmo contra o criterio da Fiscalía e sen haber sentenzas firmes, impuxéronse ás acusacións populares fianzas máis baixas”. Por exemplo, na denuncia tan en voga nos últimos días contra Garzón, “Manos Limpias” (única acusación no proceso) tivo que facer fronte a unha fianza de seis mil euros. O avogado de Adega, Apolinar Gómez, entende que neste caso o esperábel era unha fianza “moito máis baixa e simbólica”, duns 300 euros, como é habitual noutros casos.
Unha cambadela máis
A imposición desta fianza tan elevada é entendida como unha traba máis por parte de Adega. Subliñan que neste caso foi a propia sociedade civil quen se encargou de que se cumprise a lei (cando a Administración ten a obriga de velar polo respecto ao medio ambiente): “resulta evidente que as actuacións de Adega evitaron danos irreparábeis ao espazo protexido e nunca foron nada caprichoso”, din e subliñan que “a Xustiza debería adicarse a clarexar os feitos denunciados e determinar as eventuais responsabilidades penais, se as houber, no canto de dificultar a tarefa dunha entidade sen cuxas actuacións, hoxe as ilegalidades do caso Rinlo, ficarían impunes e o noso patrimonio natural estragado para sempre”.
Porén, a intención é a de continuar coa denuncia e evitar así que queden impunes os posíbeis delitos de prevaricación. En concreto, no escrito de acusación, o Fiscal aprecia indicios de que o comportamento do imputado atendeu a “intereses económicos alleos”. “Ditar resolucións presuntamente inxustas, incumprindo os preceptos legais que garanten a conservación dos nosos valores naturais, non pode saír de balde”, din dende Adega, “o Sr. Alvarez-Campana terá que dar contas perante o xuíz das súas actuacións, que a Fiscalía e ADEGA consideramos delituosas”.