Catro milleiros de estudantes percorreron as rúas de Compostela na undécima edición desta carreira lúdica para reivindicar o uso do galego.
“Queremos galego na escola”, berraron os rapaces no seu manifesto final ao remate da xa tradicional carreira do Correlingua. A undécima edición arrincou este luns en Compostela, onde catro milleiros de estudantes marcharon polas rúas para defender o galego e para “dar forza á lingua”.
Baixo o lema 'Galego: a forza do noso amor' (en referencia ao poema de Uxío Novoneyra) os escolares da comarca de Santiago sumáronse a iniciativa convocada pola Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza (ASPG), a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Santiago (tamén apoian os de Lugo, Pontevedra e Vigo).
Manifesto, música e teatro
Ao remate da marcha, os estudantes volveron até a Praza do Obradoiro, onde foron os protagonistas dunha breve representación teatral. Tres actores (un sheriff, unha viúva e un personaxe que encarnaba ao conselleiro de Educación) escenificaron a morte do galego e vaticinaron, en termos humorísticos, as decisións políticas que se tomarían ante a súa desaparición. Referíronse así ao desmantelamento do Instituto da Lingua Galega (ILG) ou á creación dunha fonoteca “para almacenar arquivos sonoros en galego en formato mp3, mp4, mp5, mp6... e así sucesivamente”, mofáronse os actores.
Finalmente, os actores deron lectura ao manifesto desta edición do Correlingua, elaborado polos alumnos do IES Porta da Auga, de Ribadeo. “A partir de hoxe, na casa, cos amigos e amigas, fala galego por sempre, que co galego tamén se liga; Rematamos esta historia berrando ben alto e forte para que todos nos oian: Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”, concluíron. O acto pechouse cunha cantiga interpretada polos alumnos do colexio público de Cernadas de Castro (Lousame).
Xa por parte da organización, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, definiu a carreira como “un acto lúdico e reivindicativo” para que os mozos “tome conciencia da necesidade de usar o galego e poñan en valor o patrimonio de Galiza”. Ao tempo, lamentou que se produzan “ataques e despretixios” ao galego en referencia á actual política lingüística da Xunta e lamentou a falta de apoio do Goberno á edición deste ano.