Cando queda unha semana para que expire o prazo, o municipio presentou a documentación en contra deste proxecto que conta cunha autorización de hai 58 anos.
Na última semana do período aberto para presentar alegacións en contra do proxecto de construción do salto de Suarna, un encoro que afectará os concellos da Fonsagrada e Navia, o municipio da comarca dos Ancares presentou oficialmente as súas alegacións.
Así o confirmou o alcalde, Xosé Fernández (PSdeG), quen adiantou que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) “é totalmente improcedente”, xa que estaría “danando unha zona que conta con todo tipo de proteccións, ao localizarse dentro da Reserva da Biosfera e estar considerada Rede Natura.
A información relativa ao proxecto, que sería xa o cuarto embalse no río Navia, atópase nas oficinas da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, en Oviedo, onde poden presentarse as alegacións e reclamacións até o vindeiro primeiro de maio. Está previsto que nestes días se sumen outros colectivos, xa que a infraestrutura hidroeléctrica conta cunha forte oposición, dende que fose concedida a licenza en 1952.