Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'ÁgoraLibros. Os libros nas prazas'

No Día do Libro, os libros polo chan

A Consellaría de Cultura promove a elaboración dun mosaico do poema Negra Sombra, de Rosalía de Castro, usando milleiros de exemplares en varias cidades do país.

Redacción - 08:50 23/04/2010

Perto de cen mil libros servirán para a elaboración dun mosaico cos versos do poema Negra Sombra, de Rosalía de Castro, en prazas de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, con motivo do Día do Libro que se celebra este venres.

A iniciativa, ÁgoraLibros.Os libros nas prazas, está impulsado pola Consellaría de Cultura e enmarcada nos actos que desenvolve o departamento dirixido por Roberto Varela neste Ano do Libro e da Lectura.

A artista Luz Darriba, a través da Fundación Cumulum, organiza o proxecto que conta coa colaboración da Fundación SEUR na coordinación da loxística e no transporte dos libros cedidos por diferentes entidades e institucións, centros de ensino entre outras.

Ás 12.00 horas, Varela lerá na capital de Galiza un manifesto ao tempo que na Coruña, Pontevedra, Lugo, Vigo e Ourense se dará lectura a unha declaración institucional. O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez participará en Ourense, cidade onde se escribirán os dous primeiros versos.

"A través dunha distribución visualmente impactante", segundo advertiron fontes da consellaría, a escritura de Negra sombra distribuirase da seguinte forma:

Ourense
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
Lugo
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Pontevedra
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
Vigo

i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Compostela

Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
A Coruña
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

"Como colofón ao acto simultáneo -apuntan desde Cultura-, os libros entregaranse aos viandantes que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros (ás 21.00 horas) ou ás asociacións que os soliciten con antelación e os recollan. "Un xeito amábel de promocionar a lectura e conmemorar o Día Mundial do Libro nun contexto tan importante como é o Ano do Libro e da Lectura", sinalan.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: