Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VII edición dos Bacelos de Prata

Adegas que aloumiñan o idioma

Adega Durán (Rías Baixas) e Emilio Docampo (Ribeiro), recoñecidos este ano cos premios ao sector vinícola por atender á identidade do país.

Redacción - 17:20 20/04/2010
Vento Mareiro sae de viñas cultivadas nos concellos de nos concellos de Cambados, Ribadumia, Meis e Meaño

Vento Mareiro sae de viñas cultivadas nos concellos de nos concellos de Cambados, Ribadumia, Meis e Meaño

Vento Mareiro é a marca, cento por cento uva albariña do Salnés, coa que saca os seus viños ao mercado a Adega Durán, da Denominación de Orixe Rías Baixas, e á que os premios Bacelos de Prata lle outorga recoñecemento este ano pola súa utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade comercial en 1989. O xurado salienta a calidade e prestixio e a defensa da identidade galega e participación en proxectos destinados a defenderen as estruturas empresariais das pequenas e medianas adegas para teren maior presencia nos mercados e afortalar, dese xeito, a economía do sector na contorna.

Doutra volta, hai premio tamén para Emilio Docampo Diéguez, da Denominación de Orixe Ribeiro, pola incorporación ao proceso de galeguización do sector vinícola galego coa súa marca Casal de Paula, elaborada coa caste treixadura. O xurado subliña a aposta persoal do colleiteiro por manter a tradición familiar de elaboración de viños de calidade.

Aproveitando a convocatoria desta sétima edición dos Bacelos de Prata, a organización lembrou o 85º aniversario do I Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo no ano 1925, "efeméride histórica que supuxo a proposta de crear na comarca do Ribeiro un centro de investigación para a mellora do sector vinícola galego que se concretou, moitos anos despois, en 1995, coa creación da Estación Enolóxica do Ribeiro".

Foi xurado desta VII edición dos premios Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas, Xabier Riomao, Profesor de Didáctica da Expresión Artística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo; Antonio Cajide Gulín, adegueiro e enólogo; Toia Suárez Vicente, enóloga e adegueira premiada na edición anterior; Xosé González Martínez, membro da Asociación Álvaro das Casas; Flavio Morganti, restaurador, e actuando de Secretaria Carmen Pérez Vaquero, que o é da Asociación Álvaro das Casas.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: