Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Denuncia por "prevaricación urbanística"

Adega comparecerá esta semana na causa contra o Concello de Barreiros

A denuncia da Fiscalía de Lugo é sobre 44 licenzas que afectan tres mil vivendas "ilegais" e que supuxeron "un baleirado das arcas municipais".

Redacción - 09:00 20/04/2010
O alcalde de Barreiros, Afonso Fuente Parga

O alcalde de Barreiros, Afonso Fuente Parga

O secretario xeral de Adega, Froilán Pallín, avanzou este luns que o colectivo comparecerá a finais de semana na causa aberta pola Fiscalía de Lugo nun xulgado de Mondoñedo contra o Concello de Barreiros por prevaricación urbanística.

Pallín recordou que se trata dunha denuncia da Fiscalía sobre 44 licenzas, que afectan máis de tres mil vivendas "ilegais". "A propia Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) así o consideraba e así tamén se formalizaron contenciosos", subliñou.

O representante de Adega destacou que son licenzas que supuxeron a renuncia por parte do Concello de Barreiros a máis de 12 millóns de euros, o equivalente por aproveitamentos urbanísticos. "Non é só que sexan ilegais, senón que produciu un baleirado das arcas municipais", declarou.

"É un desastre urbanístico, con importantes repercusións económicas para as administracións", sinalou Pallín, que constatou que se chega a esta situación a partir dunhas "normas subsidiarias de 1994 que non se adaptaron", algo "bastante habitual en todos os concellos da costa galega".

"Despropósito, sen racionalidade"
En Galiza, dixo, de 78 concellos do litoral, catro teñen plan xeral adaptado. "É un despropósito", protestou, e lamentou que en Barreiros o urbanismo se fixese "sen racionalidade, como se fosen plantar cogomelos no medio do monte".

"Foise construíndo sen servizos e agora hai que os facer. Non hai abastecemento, nin saneamento da auga e, encima, cústanos diñeiro aos galegos e aos veciños de Barreiros", manifestou Pallín, que avogou por un "ordenamento urbanístico axeitado que prestixiase o valor que ten a costa".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: