O Museo de Lugo acollerá unha mostra que se poderán contemplar aspectos expositivos inéditos da vida e obra do galeguista.
A derradeira lección do mestre, da serie de debuxos "Galiza mártir"
Dende este mércores e até o próximo mes de xuño, Alfonso Rodríguez Castelao será o protagonista do Museo de Lugo. Baixo o título de “A derradeira lección do mestre”, poderanse contemplar obras de todas as vertentes artísticas que Castelao cultivou até a súa morte, hai 60 anos. A exposición, organizada pola Vicepresidencia de Cultura, achegaranos pinturas, debuxos e caricaturas e abarcará unha etapa da súa vida, a que vai dende 1936 a 1950.
O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, destacou que se trata “dunha mostra ambiciosa que permite coñecer toda a obra da figura máis importante da historia deste país, a maior personalidade galega do século XX”. Ademais, explicou que con esta exposición se fai “un pouco de xustiza necesaria ao recoñecemento dun Castelao que non abdicou nunca, en toda a súa vida adulta, dun duplo deber: a devolución aos galegos da súa historia e da súa cultura, e a proxección do universo galego en España e no mundo”.
Esta mostra complementarase cunha programación cultural paralela na que se desenvolverán actividades didácticas e divulgativas arredor de Castelao, para afondar, segundo dixo Bao, “no coñecemento dunha figura imprescindíbel para entender o país galego”.
E na Coruña, vídeo-forum
Doutra banda, outra exposición honra a figura de Castelao na Coruña. A concellería de Normalización Lingüística e a Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) organizan unha serie de actividades ao redor da Exposición Castelao e Nós, entre elas unha mostra que se poderá visitar no Círculo de Artesáns até o 19 de abril. Nela conmemórase que hai 90 anos, nesta mesma sede, Castelao facía públicos por vez primeira os seus debuxos, que máis tarde conformarían o Álbum Nós.
Ademais, este martes proxectarase o vídeo “Irmán Daniel”, sobre o que se fará un coloquio que dirixirán Diego Pardo e Laura Mariño, investigadores da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Tamén o venres, o Círculo de Artesáns acollerá un novo vídeo-forum “A Galiza das Irmandades: un percorrido en imaxes”, da man de Laura Mariño.