A proposta só foi apoiada polo seu autor, que pretendía vincular as axudas á natalidade e adopción á castelanidade dos nomes das crianzas.
Un concelleiro do PSOE no municipio zamorano de Muelas del Pan propuxo que se lles retirasen as axudas locais ás familias que lles puxesen aos seus fillos e fillas "nomes vascos, cataláns, galegos, anglosaxóns ou calquera outro" e que esas subvencións se vinculasen ao "fomento do castelanismo". Porén, a proposta de Fermín Faúndez Bollo colidiu co voto en contra do PP e dun dos seus compañeiros de partido, mentres que o outro socialista, membro da executiva provincial, optou pola abstención.
A proposta de Faúndez era modificar a ordenanza reguladora das prestacións económicas ao nacemento ou adopción para "que só teñan dereito á mesma os nenos que teñan nomes casteláns". As axudas, que benefician as crianzas dos catro núcleos de poboación do concello, implantáronse na anterior lexislatura coa intención de fomentar a natalidade e o asentamento da poboación nova, segundo recolle La Opinión de Zamora.