Segundo lle trasladou o conselleiro de Infraestruturas aos ecoloxistas, o Goberno pedirá o traspaso a Galiza das competencias sobre as vías galegas.
Vía do tren, en Redondela (Imaxe: Luis Alves)
Nunha xuntanza celebrada entre o colectivo ecoloxista Adega e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández comprometeuse a crear un Ente Ferroviario Galego. Os ecoloxistas trasladáronlle a súa reivindicación sobre a promoción e recuperación dos camiños de ferro e, segundo explican, o responsábel de Infraestuturas asegurou que a súa postura é coincidente.
Doutra banda, Hernández adiantou que o Goberno pedirá o traspaso a Galiza das competencias sobre as vías galegas, comezando por aquelas que poidan ficar fóra de uso ou devaluadas. Dende Adega amosáronse satisfeitos deste compromiso e indican que, “faremos valer este compromiso”.
Lei do Solo “involucionista”
A Lei do Solo foi outro dos temas centrais desta xuntanza, solicitada por Adega antes da súa aprobación parlamentaria. Os ecoloxistas manifestáronlle o seu “total desacordo cos contidos e a tramitación da norma e por non ter completado a previa aprobación das Directrices de Ordenamento do Territorio (DOT) comezada na lexislatura anterior.
Segundo Adega, esta modificación “alén de involucionista, carece de xustificación nas actuais circunstancias”, de entre as que destaca a baixa presión urbanística. Asemade, lémbranlle ao conselleiro que “se os concellos adaptaran e desenvolveran os seus plans xerais conforme a vixente lei 9/2002, poderían desenvolverse harmonicamente os núcleos rurais sen necesidade de habilitar máis categorías de solo e desprotexer o chan rústico”.
Pola súa parte, Hernández reafirmou o seu compromiso de elaborar unha nova norma do solo co máximo consenso posíbel e asegurou que ten a vontade de contar coa opinión de Adega. Ademais, adiantou que tanto as Directrices como o Plano de Ordenamento do Litoral (POL) terán unha tramitación paralela.