A película de Ignacio Vilar estrearase a vindeira semana en Braga, posteriormente percorrerá outras cidades lusas. A película poderá verse na versión orixinal en lingua galega.
Por vez primeira unha película feita en Galiza e na nosa lingua chegará ao gran público portugués. As salas Cinemax de Braga (Centro Comercial Bragashopping) proxectarán dende o vindeiro sábado 17 de abril o film 'Pradolongo', do director Ignacio Vilar. Posteriormente, a película vai poderse ver en cines comerciais doutras cidades do país veciño, entre elas na propia Lisboa.
A estrea non deixa de ser un fito importante na historia do noso cine, xa que nunca unha película rodada en galego tiña sido exhibida nos circuitos comerciais lusos. O propio Ignacio Vilar salienta o feito de que os espectadores van poder ver o filme no idioma propio de Galiza, ou máis ben como matiza con humor en “galego de Valdeorras”.
A estrea vén acompañada dun esforzo por parte dos directores e dos actores por achegarlle a obra ao gran público. Para iso, Ignacio Vilar, Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto teñen previsto achegarse até o outro lado da Raia para promocionar o filme en actos organizados por institutos e asociacións das diferentes cidades. En Braga, os actos contarán co apoio da Universidade do Minho, do Centro de Estudos Galegos, Bragashopping e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.