A líder opositora, a socialdemócrata Rosa Otunbayeva, dirixirá un goberno interino. A calma volve ao país logo duns incidentes que deixaron 65 mortos.
O até agora presidente, Kurmannek Bayikev, abandonou a capital en avión e deixoulle o poder á oposición. A mudanza de goberno chega logo dun mércores especialmente violento no que morreron cando menos 65 persoas e máis de 400 resultaron feridas nas protestas contra Bayikev.
No cerne da revolta contra o goberno está unha fortísima crise da economía interna protagonizada por unha grande inflación que agravou aínda máis as malas condicións das clases máis desfavorecidas. A isto súmanse as críticas a un goberno que acusaban de estar comesto pola corrupción.
Dende o Partido Socialdemócrata aseguran que houbo un acordo para que o executivo deixase o poder logo dos gravísimos incidentes do mércores. Dende esta formación, que liderará o goberno interino, chaman á calma e comprométense a traballar para que antes do outono estea redactada unha nova constitución e se convoquen eleccións.