Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Novidade discográfica

'Kosmogonías': o big-bang de Berrogüetto

Coa colaboración de Rivas, Rosa Aneiros e Olaia Sendón, a recadación da presentación do disco destinarase á Fundación Manuel María.

Redacción - 17:40 06/04/2010

Berrogüetto acaba de sacar á venda o seu quinto traballo discográfico, Kosmogonías, que presentou ademais este martes no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela. O disco, mantendo o carimbo de Berrogüetto, desenvolvido nos seus 14 anos de andaina, introduce algunhas novidades, a máis salientábel a voz de Xabier Díaz, que substitúe a de Guadi Galego. Por outra banda, o álbum amósase como un proxecto multimedia, coas achegas dos escritores Manuel Rivas e Rosa Aneiros e da creadora audiovisual Olaia Sendón.

Un dos sete membros de Berrogüetto, Anxo Pintos, describiu o seu novo traballo como "un big-bang" ou unha volta ao punto de partida, "unha ollada ao firmamento, a cal é o noso lugar no universo". Manuel Rivas salientou a "alegría cósmica" que lle supuxo colaborar no traballo, a través do poema Alalá. Plutón foi a achega de Rosa Aneiros, que expresou a súa emoción por estar por primeira vez "enriba do escenario con Berrogüetto", grupo do que se confesou seguidora, ao igual ca Rivas.

A achega de Olaia Sendón, que se puido ver no acto de presentación e que se inclúe no DVD que acompaña a Kosmogonías, é unha videocreación que integra os sete berros sociais incluídos no disco, representados por "imaxes que se van desfacendo e semellan nebulosas". Os artistas de Berrogüetto tamén participan activamente na peza, ao ser sobre os seus corpos onde se proxectan esas imaxes.

O DVD inclúe, tamén, un making-of do proceso de gravación e entrevistas aos seus compoñentes. No aspecto gráfico do álbum en si, Quim Farinha explicou que "traballamos o deseño utilizando materiais e tintas diferentes", para que o disco se convertese "nun obxecto de culto", nun contexto de crise do mercado discográfico.

Berrogüetto tamén colabora coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos, contribuíndo coa recadación dos concertos da súa xira de presentación de Kosmogonías. O secretario da fundación, Alberte Ansede, agradeceu o apoio, que "honra o grupo", para transformar a vivenda natal de Manuel María, en Outeiro de Rei, en casa-museo, e así contribuír á conservación do legado do poeta. O primeiro dos concertos de presentación terá lugar o venres en Pontevedra.

Santiago Cribeiro, que toca o acordeón e os teclados en Berrogüetto, explicou que, malia as novidades introducidas no disco, "segue soando" e é "Berrogüetto 100%". "Despois de 14 anos, fixemos un son propio e identificábel", tamén na relación co público. Expresou a súa "ilusión con esta nova etapa que se abre" no grupo, e confiou nas boas expectativas do novo disco.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Acto de presentación de 'Kosmogonías'
Acto de presentación de 'Kosmogonías'
Berrogüetto presentou ao vivo tres temas do seu novo disco
Berrogüetto presentou ao vivo tres temas do seu novo disco