O PSdeG recorda o "abrazo" do presidente da Xunta e o presidente de Iberdrola e agoiran "discrecionalidade" na que chaman "orde trampa" para o sector eólico.
O 13% dos criterios de valoración abre furado ao xeito dunha "cláusula para os amigos", introducindo discrecionalidade e inseguridade para as empresas. Así o opinou este mércores o portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Abel Losada, logo de analizar a orde que abre a convocatoria de asignación de 2.325 MW de enerxía eólica publicada polo Diario Oficial de Galicia. Agoirou Losada que se está abrindo a porta para "privilexios para as grandes empresas enerxéticas dos amigos de Feijoo".
De xeito especial, o deputado socialista recordou o "abrazo do Obradoiro" entre Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, e o daquela recentemente elixido presidente de Galiza, Alberto Núñez Feijoo. Ao fío, lamentou a "excepcionalidade" que introduce a orde ao rachar o límite de 350MW por empresa agás cando algunha delas presente o que se cualifica de "Plan industrial de especial trascendencia". "Non vaia ser que volvan repartir o pastel entre cuñados de altos cargos da administración autonómica", advertiu.
O voceiro do PSdeG insistiu en definir de "irrealidade" as previsións de investimento e creación de emprego no sector eólico e lamentou que o atraso favorecido polo actual Goberno "vai situar o sector eólico galego nunha posición de debilidade". Un atraso que, segundo a queixa de Abel Losada, "é froito exclusivamente da obsesión do goberno de Feijoo por eliminar calquera vía de participación pública do sector eólico galego".