O grupo presenta o seu novo traballo, 'Galician on Board', no que colaboraron Guadi Galego e Xosé Manuel Budiño.
Odaiko Percussion Group presenta este venres en Compostela o seu novo traballo, Galician on Board. O grupo, formado nos Países Baixos en 2003 por licenciados en percusión clásica, contemporánea e jazz no Conservatorio de Ámsterdam, no Real Conservatorio da Haia e na Universidade da Baía, toma o seu nome dun instrumento xaponés, variante voluminosa do Taiko, de 1,2 metros de diámetro e 1,5 de profundidade e que precisa tres persoas para tocalo.
Así, Odaiko está especializado na interpretación de percusión que mestura a música tradicional e a multiétnica, con instrumentos de todo o mundo. No acto de presentación, un dos compoñentes do grupo, Xoán Collazo, explicou que o espectáculo consistirá nunha serie de 'sketches' entrelazados por unha voz en off.
"Vai ser unha actuación chea de humor, estilismo e virtuosismo", explicou Collazo, quen resaltou a intensa preparación que requiren os seus espectáculos, tanto física -definiu o grupo como "ximnastas"- como psicolóxica, cunhas composicións que son ao 100% "propias e homoxéneas", con achegas de todos os integrantes.
Odaiko está formado por Juan Collazo, Antonio Ocampo, Lester Rodríguez, Paulo Silva e Ton Risco. O seu último traballo, Galician on Board, contou coa colaboración de Guadi Galego e de Xosé Manuel Budiño. A presentación terá lugar no Teatro Principal de Compostela, o venres ás 21:30 horas.