Desta volta é a enquisa de El Periódico a que prevé un ascenso de entre 13 e 15 escanos para a formación liderada por Artur Mas, perto da maioría absoluta.
Nun abano de entre 61 e 63 escanos se move o prognóstico para CiU segundo a última sondaxe publicada en Cataluña, este mércores, por El Periódico. Este ascenso de entre 13 e 15 asentos no mellor dos casos, sitúa a formación política liderada por Artur Mas ben perto da maioría absoluta, barreira que queda no Parlament catalán nos 68 escanos.
Como segunda forza, o PSC perdería entre 1 e 3 deputados, quedando nun abano de 34 a 36 asentos. O outro dato significativo é o derrubamento das aspiracións de ERC, que perdería entre 7 e 8 representantes, obtendo entre 12 e 13 escanos. Deste xeito, podería ser o PP o que ascendese á condición de terceira forza en Cataluña, con 13 ou 14 escanos, mesmo aínda no caso de quedar coa mesma cifra de deputados conseguida nos comicios anteriores. A Cámara completaríase coa representación de ICV, que se move nunha previsión de 11 ou 12 deputados, perdendo un no peor dos casos respecto á situación actual. Destaca tamén a desaparición do partido Ciudadanos.
O barómetro deste xornal deixa aberta algunha incógnita sinalando a alta porcentaxe de voto indeciso que, apuntan, podería ser colleitado no último momento por formacións como a Plataforma per Catalunya de Josep Anglada; a formación que previsiblemente amadriñará a ex do PP Montserrat Nebrera ou Reagrupament ou a escisión de Esquerra chamada a ser liderada polo actual presidente do FC Barcelona, Joan Laporta. Precisamente, o estudo sinala que Laporta é o cuarto clasificado entre os persoeiros que os cataláns preferirían como presidente da Generalitat. Aínda que moi por tras de Artur Mas e José Montilla, o apoio a Laporta case iguala ao do que será candidato por Esquerra, Joan Puigcercós. Lembrámoslles que hai poucos días, o diario La Vanguardia facía pública outra sondaxe que neste caso poñía a CiU a un fío da maioría absoluta nunha marxe de entre 65 e 67 escanos.