Varela anuncia a convocatoria dos galardóns que suprimiu en 2009, mais só de letras, artes plásticas, artes escénicas, patrimonio e promoción cultural no exterior.
Varela, este martes no Hórreo
Tal e como fan desde hai tempo o goberno español ou o catalán, a Xunta impulsou en 2008 a convocatoria dos Premios Nacionais da Cultura, unha iniciativa amplamente amparada polo sector. Mais coa mudanza de Goberno en 2009, este recoñecemento foi cancelado.
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, anunciou a súa recuperación este martes en sede parlamentaria. Porén, xa non haberá dez categorías galardoadas: Arquitectura e Espazos Públicos, Artes Visuais, Artes Escénicas, Literatura, Música, Patrimonio Cultural, Pensamento e Cultura Científica, Cine e Audiovisual, Iniciativa Cultural e Cultura Tradicional e de Base.
Agora han ser cinco: Artes Escénicas, Artes Plásticas, Letras, Patrimonio Cultural e Promoción Cultural no Exterior. Das distincións 'cáese' ademais a honra de 'Nacional'. Segundo informou Varela, que compareceu para explicar as actividades da Xunta ante o Ano do Libro e do Fomento da Lectura, o importe co que estarán dotados ascende a 15 mil euros.
O xurado, apuntou o conselleiro, estará formado por el mesmo, por representantes do seu departamento, polos reitores das Universidades e polos presidentes da Real Academia Galega, no caso do galardón das letras, e da Real Academia de Belas Artes, no caso da plástica.
Por outra banda, o titular de Cultura recordou que o vindeiro mes de outono ha de abrir a Biblioteca de Galicia (que tamén ía ser Nacional), o primeiro recinto da Cidade da Cultura en se pór en funcionamento, e indicou que se converterá en cabeceira do sistema bibliotecario de Galiza.
'Desván de los Monjes'
Finalizada a súa intervención e logo de llo reclamar a deputada do BNG Ana Pontón, Roberto Varela pediu desculpas ante o Parlamento polo 'caso Desván de los Monjes'. No entanto, dixo ter a conciencia tranquila.
"É un feito máis que pechado", insistiu, e recordou que xa pedira persoalmente perdón a dúas deputadas. "Unha cousa é a petición de desculpas a título persoal e outra expolas ante o Parlamento", retrucoulle Pontón.