Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Caixa Galicia e Caixanova debuxan futuro conxunto

O posíbel aumento de cota viguesa abranda o camiño da fusión

O avance das negociacións non reduce a tensión. PP e PSOE cruzan acusacións. O BNG leva o debate ao Congreso. O alcalde vigués ve "óptimas" as novidades.

Redacción - 12:45 23/03/2010

A web olívica Vigoalminuto cita fontes próximas a Caixanova que asegurarían que a venda de activos de Caixa Galicia facilitaría a fusión paritaria coa entidade do sur. O salomónico punto de encontro repartiría a dirección xeral (con probalidade a sede sería Vigo e ostentaría o cargo Xosé Luís Pego, actual director xeral de Caixanova) e a presidencia sería para o sector coruñés (con Xosé Luís Méndez, actual director xeral de Caixa Galicia para este cargo). O perenne presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso, asumiría a dirección vitalicia da obra social da futura entidade fusionada. É a principal novidade xurdida nas últimas horas, na liña do xa avanzado polo Faro de Vigo ao respecto do convite do Banco de España e a Xunta á entidade viguesa a estudar a viabilidade da fusión galega cunha hipotética pilotaxe desde o contorno da propia Caixanova.

Caballero volve optimista e PSOE e PP atribúense mérito no avance
"Esperemos que manteñan esta posición a favor da fusión durante algún tempo", expresaba este martes en referencia aos socialistas o deputado Pedro Puy, voceiro na área de Economía do grupo parlamentario do PPdeG. "E polo menos que deixen de entorpecela e defendan a fusión ata que esta se poida materializar", engadía. Malia facer un chamamento á "prudencia" e a "responsabilidade", Puy dixo estar "fondamente satisfeito" coa evolución dos acontecementos e destacou que o seu partido sempre defendeu a fusión por ser "fundamental para o futuro de Galiza".Na opinión do PP é o PSOE galego o que agora se suma "á opinión maioritaria en Galiza" a prol da fusión das caixas.

Moi diferente é a interpretación do PsdeG, desde onde consideran que o estado actual das conversas evidenciaría que "non había bloqueo do PSdeG-PSOE nin do Goberno central" e demostrarían que "o único obstáculo era Feijoo". "O presidente leva cinco meses polo camiño equivocado da confrontación, a manipulación lexislativa e o autoritarismo", sostivo o secretario xeral do PSdeG. Manuel Vázquez afirmou que é "cando desapareceu o goberno galego do escenario é cando empezou a funcionar o modelo de fusión". Por outra banda, tamén desde o PSOE, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmaba que a viraxe nas conversas sobre a fusión demostran que Caixanova é "central, solvente e determinante" para o sistema financeiro do país. Caballero definiu o novo escenario de punto de encontro entre as entidades galegas de "proxecto vigués para toda Galiza", progonosticando o "dominio" e liderado da caixa viguesa.

O debate chega ao Congreso
Mentres os presidentes de ambas as dúas entidades, Xulio Fernández Gayoso e Xosé Luís Méndez, tratan de cadrar todas as pezas deste crebacabezas negociando extremos como o poder de decisión de cada quen nunha hipotética futura entidade, paralelamente, este martes o pleno do Congreso dos Deputados pronunciarase sobre a controvertida Lei de Caixas.

Será grazas a unha iniciativa do BNG, que a través dunha moción demándalle ao goberno español que retire o recurso de inconstitucionalidade contra a norma galega, que respecte as competencias na materia e que preserve o carácter social das caixas. Insta así a “manter vixente a súa natureza, respectando o seu carácter de entidades vencelladas ao territorio, a súa vocación social e o seu papel de institucións financeiras básicas para contribuír ao desenvolvemento económico de Galiza”.

Xuntanza de Gayoso e Méndez
Este martes transcendera tamén a reunión celebrada o pasado sábado entre os presidentes de Caixa Galicia e Caixanova, a instancias da Xunta, que asegura non ter constancia de tal xuntanza, e baixo a presión exercida polo Banco de España. Os prazos esgótanse e os tempos agora piden cooperación e conversas, sobre todo atendendo a cuestións como a caducidade dos fondos de rescate, o bloqueo de Facenda a autorizar acordos con outras entidades foráneas ou ao propio empeoramento da situación económica

Algunhas fontes apuntaban a unha mudanza na postura de Gayoso, que podería dar o brazo a torcer na cuestión da fusión, sempre que se lle garantise unha maior cota de poder a Caixanova e en función dunha suposta disposición por parte de Caixa Galicia a asumir en maior medida os custes do proxecto. Queda por ver agora a verdadeira viabilidade do proxecto e como cadran as súas pezas os máximos responsábeis das caixas, iso si, se conseguen chegar a algún acordo.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: