A legalización de centos de vivendas irregulares en Barreiros ou a reforma dos estatutos da Axencia da Legalidade Urbanística son, para o Bloque, "síntomas" preocupantes da conivencia de PP e PSdeG.
"Non só se legalizan, senón que inda por riba a Xunta vai pór na mesa 9 millóns de euros de cartos públicos para urbanizar estes terreos", laiábase este luns o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, ao respecto dos centos de vivendas irregularmente construídas en solo non urbanizábel no Concello de Barreiros. A actualidade sobre este conflitivo caso, onde as edificacións paralizadas na anterior lexislatura polo bipartito terán agora beizón da Xunta, ademais da Deputación de Lugo, trataríase para o portavoz nacionalista do primeiro síntoma claro de que "algo grave está por debaixo do pacto PP-PSOE".
Un suceso que o deputado nacionalista relaciona coa inminente votación da reforma da lei do solo, onde os escanos socialistas no Parlamento avalarán a modificación lexislativa impulsada pola actual Xunta. Aymerich criticou que o PSdeG xustifique o voto a prol da reforma pola presunta promesa do PP de frear o proxecto acuícola de Touriñán, e cualificou este argumento de "escusa". Para o voceiro do Bloque o que realmente hai detrás desta votación é "unha coincidencia inconfesábel entre certos sectores do PSdeG e do PP". "Han de dar conta e aclarar que intereses comparten", desafiou Carlos Aymerich.
Ao respecto, o voceiro do BNG cita tamén como "segundo síntoma" da relación "oculta" de PP e PSOE a reforma dos estatutos da Axencia de Legalidade Urbanística. Un cambio realizado "co obxecto de poder remover o seu director, que trouxo como consecuencia o nomeamento da ex-secretaria do concello de Sanxenxo e actual secretaria do de Tui. Municipios estes dous, ironizou Aymerich, "exemplares en materia urbanística". "E que fai o PsdeG, calar a boca?", preguntou. Por este motivo, Aymerich reclamoulle aos socialistas "racionalidade" e que en consecuencia este martes cambien o seu voto e non apoien o proxecto do PP.