A CIG cualifica o paro de “éxito” e asegura que a participación acada o 80%.
A CIG cualifica de “éxito” o paro xeral no naval vigués. Segundo este sindicato, arredor dun 80% dos traballadores secundaron a mobilización e só traballa con normalidade o estaleiro Metalships. Dende primeira hora da mañá arredor de 1.200 traballadores convocados polo sindicato nacionalista percorren as rúas da cidade olívica acompañados por numerosos policías antidisturbios.
O conflito ten lugar logo de que CC.OO e UXT asinasen unha modificación no convenio no que respecta ao regulamento de contratación de traballadores. A CIG denuncia que por vez primeira se cambia un convenio que está asinado e que se o seguinte paso é negociar a bolsa de horas e a imposición de quendas.
Este sindicato nega as acusacións de “racismo” por ter denunciado o uso de man de obra barata foránea: “Aquí todos sabemos quen minte, que lle pregunten canto cobran os máis de 200 traballadores de Portugal que están no Barco de Barreras en Bouzas? Elese son os racistas, que explotan os de fóra e déixannos sen traballo aos de aquí”.
A organización nacionalista subliña que só pararán as mobilizacións no caso de que UXT e CC.OO se comprometan a participar nunha asemblea cos traballadores do sector, “comprometéndose a cumprir o convenio, a contratación, a non aceptar a bolsa de horas e a regulamentar as quendas con acordo cos traballadores”.