A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica insta o goberno español a concederlle unha honra a título póstumo.
Estando xubilado, Toru Arakawa leu nun periódico xaponés unha reportaxe sobre as exhumacións que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), estaba levando a cabo. Durante anos, o seu interese pola Guerra Civil levárao a ler dúas ducias de libros sobre o asunto e, de xeito especial, afirmaba estar impresionado pola historia dos represaliados que permaneceron agochados durante anos en faiados en acubillos varios. Así, no verán de 2006, viaxou de Niigata até o Bierzo para contactar coa asociación e comezar a colaborar nos traballos de exhumación das foxas.
Para ARMH é especialmente digno de mención o esforzo e entrega de Toru Arakawa, recentemente finado, percorrendo o Estado cos seus propios medios e colaborando para axudar a decenas de familias dos desaparecidos pola represión franquista. O seu labor faino merecedor, ao entender da ARMH, da concesión dunha Orde ao Mérito Civil a título póstumo. E con tal motivo, así llo solicitan ao goberno español. Subliñan desde o colectivo que este tipo de distincións lévanse a cabo "con quen desde a sociedade civil dá exemplo de servizo público e realiza esforzos de solidariedade e traballo polo ben común". Toru Arakawa, insisten, "reúne todos os méritos e valores que lle fan merecedor de tal distinción".
"Para a xente dos pequenos pobos que recorría era especialmente emocionante coñecelo, mirar a meticulosidade coa que colaboraba nas exhumacións e ter o exemplo de alguén que movido pola solidariedade e os valores humanitarios, viaxara desde tan lonxe para botar unha man (...) en cada un dos pobos que visitou fixo intensas relacións de amizade e deu testemuño da universalidade dos dereitos humanos e da inexistencia de diferencias entre distintas culturas cando se trata de falar de solidariedade, verdade, xustiza e reparación de violacións de dereitos fundamentais", lembran.