Gea Escolano advirte na súa bitácora que "por moi alta que sexa unha autoridade" non hai que obedecela se vai contra "a lei de Deus".
Pasou 18 anos como bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol até que en 2005 renunciou ao seu posto para retirarse a un segundo plano. Mais a cabeza do antigo bispo mindoniense non para tampouco na xubilación. Coñecido polas súas posicións ultraconservadoras, expresadas durante anos nas cartas pastorais coas que axitou a polémica en máis dunha ocasión, Gea Escolano segue deixando reflexións co apoio das novas tecnoloxías, desta volta cun blog no espazo web Religión en Libertad.
Baixo o cabeceiro 'Un obispo opina', José Gea Escolano deixa esta mesma semana o artigo titulado Obedecer os bispos ou o goberno?. Para Gea Escolano a resposta está clara: "Cando un cristián está ante o dilema de obedecer a Deus ou á autoridade civil, ten que obedecer a Deus". E explica: "Isto poderá non aceptalo quen non sexa católico, pero os católicos deben aceptalo se queren ser coherentes coa súa fe (...) O goberno humano é unha institución de Deus para o noso benestar". Engade máis adiante o bispo: "É posíbel que o goberno tome represalias contra quen non lle obedece, pero o católico debe afrontalas como os mártires afrontaron o martirio".
Carga contra a homosexualidade e contra o aborto
A continuación explica o bispo as causas do seu razoamento cargando contra o PSOE e advertindo que os deputados que se definan como católicos "non deben votar a favor da legalización do aborto". E de paso, recupera Escolano algunha das súas vellas teimas, como é a homosexualidade, subliñando que "non é lícito" nin o aborto, nin a equiparación do matrimonio dun home e dunha muller "cunha unión homosexual", nin "equiparar a adopción de nenos por un matrimonio que por dous homosexuais". Resume en receita para "lexisladores católicos" engadindo que "non lles é lícito aprobar calquera lei que vaia contra a dignidade das persoas e do ben común".
"Cando no tempo de Hitler se decretou non esconder os xudeus, debían os católicos obedecer esa orde? Pódese hoxe aceptar a lei que dá vía libre ao asasinato de milleiros de seres humanos coa mesma dignidade que calquera de nós?", reflexiona. "Deus xulgaranos a todos", asegura.
Valenciano de nacemento, logo de xubilarse en 2005 e deixar a diocese de Mondoñedo-Ferrol, que pasou a ser dirixida polo bispo Manuel Monge, o bispo José Gea Escolano marchou a Perú en calidade de misioneiro. Aló colabora co bispo de Carabayllo (Norte de Lima) e na parroquia de Santa María de la Providencia, explica no seu blog, "onde soe confesar unha media de seis horas todos os domingos, aparte dunhas horas cada día".