A cita musical da primavera en Vilagarcía de Arousa xa ten confirmada unha vintena de nomes para o seu cartel.
Unha das grandes citas musicais do país, o Festival do Norte, chega o 30 de abril á súa novena edición. O evento, que terá lugar durante dúas xornadas no recinto de Fexdega, en Vilagarcía de Arousa, volverá traer algúns dos artistas máis interesantes do momento, tanto galegos como a nivel internacional.
Na edición de 2010 destacan as actuacións dos andaluces Los Planetas, que de seguro atraerán boa parte do público do festival. Por parte galega, outro dos nomes que máis están a soar no universo musical do país é o do irrepetíbel Emilio José, directamente dende Quins.
O cartel do Festival do Norte encabézano, ademais, os powerpopeiros Nada Surf e a música electrónica dos enigmáticos suecos JJ. Están confirmados tamén Pete & The Pirates, We Are Standard, La Bien Querida, Nudozurdo, Dj Polar, Carrero Bianco, Los Punsetes, Klaus & Kinski, Dj Lagartija, Munich, Fanfarlo, Hola a todo el mundo, El Guincho, Dorian, Clovis Dj's e Dj Poti.
Dende a web do festival xa se pode acceder á compra anticipada do abono para os dous días do festival, a 30 euros. Polo de agora, aínda non están fixados os horarios dos concertos.
Emilio José: Ourense
JJ: Things will never be the same again
Los Planetas: Romance de Juan Osuna
Nada Surf: Hi-speed Soul