Media ducia de telecentros do país dispoñibilizarán unha cata guiada onde comprobar da calidade da colleita da Ribeira Sacra no último ano.
A vila de Chantada acolle a vindeira fin de semana do 13 e 14 de marzo a súa tradicional Feira do Viño, evento que como cada ano inaugura o calendario de citas enolóxicas da Ribeira Sacra.
E desta volta, a exaltación do viño bota man das novas tecnoloxías para unha orixinal iniciativa que coordinará o Centro Multimedia de Galicia (CMG): unha cata guiada que poderá seguirse a través dunha multivideoconferencia. Participan, ademais do CMG de Santiago, os telecentros de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Catoira, Carballo, Tui e Oroso, ademais do propio local chantadino.
En cada un dos telecentros dispoñibilizarase todo o material preciso, desde os propios viños até as copas e cuspideiras. Desde o telecentro en Chantada, un enólogo coordinará o acto e dará paso a unha cata guiada. Haberá praza para 229 persoas, e as inscricións poden realizarse desde o luns 22 de febreiro a través da web do CMG.