Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA

O rexedor do Porriño négase a subir ao chimpín de Cans porque "é un alcalde serio"

Mentres a organización do festival audiovisual respecta a decisión, o BNG pide a Nelson Santos (PP) que se implique persoalmente no certame.

Redacción - 11:55 19/02/2010
O chimpín é xa emblema do Festival

O chimpín é xa emblema do Festival

“Un alcalde ten que ser serio”. Esta é a explicación baixo a que se acubilla o actual rexedor do Porriño, Nelson Santos (PP) para adiantar que non subirá no xa tradicional chimpín do Festival de Cine de Cans. Xa o adiantou na propia moción de censura na que lle arrebatou a alcaldía ao ex-rexedor Raúl Francés (BNG), cando criticou o comportamento do seu antecesor por “andar por aí subido chimpíns” e referéndao agora: “un alcalde ten que darlle seriedade á vida política e non pode estar neses momentos, nos que o protagonismo lle corresponde a outras persoas”, insiste.

A organización respecta a decisión
Neste 2010, o Festival de Cans chegará á súa sétima edición. A organización corre a cargo da Asociación Cultural Arela, quen quere evitar calquera tipo de polémica pola cuestión do devandito chimpín. Así o asegura a Vieiros Alfonso Pato: “nós somos alleos a este tema e non obrigamos a ninguén a subir ou non, respectamos a decisión e o que consideramos realmente importante é o apoio económico ao festival”, asegura ao tempo que engade que “o chimpín é optativo”.

O goberno municipal xa adiantou que manterá a achega orzamentaria para o evento, mais nestes momentos aínda se están a perfilar os últimos detalles. A súa contribución ascende a un 15% do financiamento do certame, que conta ademais con moitos outros patrocinadores. A mudanza do goberno local tivo lugar a tres meses da celebración do festival e, en consecuencia, comprometeu a achega económica coa que xa contaba o festival. Por iso, o importante para a Asociación Cultural Arela é consolidar unha contribución orzamentaria anual que se manteña á marxe dos cambios institucionais.

A oposición pide que suba ao chimpín
Doutra banda, o que até o de agora era o alcalde, Raúl Francés (BNG) lamenta que o rexedor considere que o chimpín lle reste seriedade ao Porriño. “O de Cans é xa un certame de referencia no país e parte do seu éxito parte do aproveitamento da escenografía do medio rural e iso é unha cuestión que non se debe desprezar”, asegura a Vieiros.

“O máis serio que pode facer un alcalde do Porriño é subir no chimpín e promocionar o noso audiovisual”, sentencia, “calquera alcalde estaría encantado de subir e se quere ser un rexedor lexítimo terá que facelo”. E engade: “o chimpín é agora mesmo o emblema dun Porriño creativo, intelixente e con proxección internacional”.

Ademais, Francés entende que esta decisión gobernamental vai na mesma liña que outras decisións tomadas polo PPdeG e polo propio presidente da Xunta de Galiza, de “agresión e desprezo á nosa cultura”. “Igual que Feijoo minimiza as representacións culturais deste país, como a nosa propia lingua, tamén o fai Nelson Santos”, di ao tempo que menciona outras medidas tomadas polo novo alcalde como recortes na escola de teatro municipal.


Ligazóns

4,6/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O rexedor asegura que "un alcalde ten que ser serio"
O rexedor asegura que "un alcalde ten que ser serio"
A organización cre que "o chimpín é optativo"
A organización cre que "o chimpín é optativo"
O BNG acusa o rexedor de desprezar a cultura do Porriño
O BNG acusa o rexedor de desprezar a cultura do Porriño