Producido na parte musical por Uxía e ilustrado por Iván Prieto, conta coa colaboración de varios compositores.
"Estas cancións aloumiñan os oídos, pero tamén contan historias. Falan dun país onde as portas sempre están abertas e ninguén se sente estranxeiro. Alí viven unha nena azul e mais un grilo que, para escapar do aburrimento, inventan mil pasatempos".
Magín Blanco, unha das figuras máis senlleiras do pop do país, dá o salto ao público infantil co libro-CD A nena e o grilo da man de OQO editora. Neste traballo bibliodiscográfico, producido na parte musical por Uxía e ilustrado por Iván Prieto, colaboraron Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila, e tamén João Afonso, nas letras.
Un mosaico de textos, cancións e debuxos conforman este volume no que o coñecido compositor ourensán se encarga de encaixar todas as pezas. Respecto ás ilustracións, Prieto utiliza unha multitude de recortes con diferentes tonalidades e texturas para as imaxes, acaídas a esta historia híbrida e heteroxénea, cunha estética urbana e actual.
A nena e o grilo procura conectar a escola coa vida e adoptar unha actitude crítica e construtiva a prol de valores básicos como o respecto pola natureza, a liberdade, a solidariedade, o afecto, a convivencia, a identidade ou a amizade. Unha obra que convida a ter fe na vida e nos outros.
Ao tempo, salientan desde OQO editora, "é un material, para todos os que traballan e apostan por un ensino aberto, innovador e significativo, no marco dos problemas e os cambios sociais que teñen lugar na realidade".