As palabras do presidente da RAG, que pediu a oficialidade do asturiano en Asturias e do galego no Eo-Navia, non gustaron en certos sectores.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nunha entrevista publicada hai uns días, pedía a oficialidade da lingua asturiana no territorio da Comunidade Autónoma veciña, exceptuando a comarca do Eo-Navia -que fai parte do Principado- para a que o novo presidente da RAG reclamou a oficialidade do galego.
"Persoalmente, dáme rabia que o asturleonés sexa cooficial en Miranda do Douro e recoñecido pola República Portuguesa, e o asturiano non o sexa en Asturias plenamente", dixo. Porén, engadiu, "o occidente de Asturias é outra cousa, e ten que ter un tratamento especial, e nós apoiamos as normas do galego de Asturias do Eo-Navia".
A Academia da Llingua Asturiana pronúnciase
As declaracións non sentaron ben en diversos sectores asturianistas. O xornal La Nueva España (LNE) encargouse de lles dar ampla cobertura durante estes últimos días. Por exemplo, esta cuarta feira, reproduce as palabras do "catedrático e académico da Llingua Asturiana para o Navia-Eo, José Antonio Fernández Vior", que din "acusou a Galiza de 'usar o Navia-Eo como cortina de fume cando teñen problemas lingüísticos no seu propio territorio'".
Ferrín, na citada entrevista, comentara neste senso estar "desexando que este conflito desapareza". "Eu son moi amigo de escritores asturianos e de persoas que defenden o asturiano, polo que este tema está como envelenado", lamentábase, e declarábase "un grande amigo da lingua asturiana".
Para Vior, no entanto -e en palabras de LNE-, "as inxerencias desde Galiza neste territorio son periódicas e atenden a determinados momentos". "É unha apreciación, mais no verán nunca sae nada disto, sae no inverno, que igual a xente anda máis aburrida ou cando teñen eles algún problema", declarou o catedrático de 87 anos.
Oficialmente, a Academia da Llingua Asturiana pronunciouse a través da súa presidenta, Ana Cano: "A Academia nunca renunciará á asturianidade de todos os concellos de Asturias e está en contra de que se intente galeguizar o Occidente". Porén, precisou que o problema de fondo é outro: "Se o asturiano e o galego-asturiano fosen linguas oficiais non pasaría isto".
Posición do goberno de Asturias
A directora xeral de Política Lingüística do Principado, Consuelo Vega, asegurou ao respecto que "o goberno asturiano recoñece a especificidade do galego-asturiano, a fala como se denomina popularmente, como unha realidade lingüística diferente do asturiano". "Este recoñecemento é xurídico e se traslada aos ámbitos administrativos, educativos ou culturais", engadiu.
Por outra banda, Vega considerou que a petición de Ferrín sobre a oficialidade do asturiano "é tan respectábel como a de calquera outro cidadán mais non ten lexitimidade xa que o territorio asturiano só lles compete aos asturianos".
Izquierda Unida de Asturias e Unidá Nacionalista Asturiana
Tamén desde a política asturiana houbo reaccións. Unidá Nacionalista Asturiana (UNA) -que conseguiu o 0,7% dos votos nas pasadas autonómicas- emitiu unha nota de prensa que recolleu La Nueva España na súa edición deste martes:
"As institucións asturianas teñen competencias exclusivas sobre a política lingüística en toda Asturies, tamén na zona máis occidental, e que a normativización corresponde legalmente á Academia da Llingua Asturiana, polo que non ten sentido reabrir artificialmente debates superados pola realidade xurídica e social, nin discursos expansionistas que xa deberían formar parte do pasado".
Outros que se pronunciaron foron Izquierda Unida de Asturias, que sinalaron que o Eo-Navia é "unha zona de indubidábel identidade asturiana". "Até hai pouco a política lingüística galega era a envexa dos asturianos falantes; de continuar os planes de Feijoo, Ferrín terá problemas máis graves que ocuparse do Occidente de Asturias".
Tres concellos do Eo-Navia
Tamén na edición do martes, LNE titula: "Os alcaldes fan oídos xordos á pretensión da Academia Galega". Segundo o rotativo asturiano, o alcalde de Castropol, José Ángel Pérez (PSOE), apreciou que se trata dun tema "demasiado manido" e "non ten importancia porque é unha inxerencia que o único que lle vai reportar (a Ferrín) é que o coñezan como escritor".
"Non hai lugar para a polémica, nós sentímonos asturianos, mais convivimos día a día cos galegos. Coido que o importante é a visión integradora e o enriquecemento cultural que isto produce", sinalou a alcaldesa de Santiso de Abres, Goretti Quintana (PP), que considerou un erro utilizar o nome de galego-asturiano, xa que "habería que darlle prioridade ao asturiano, para que fose por diante e se nos identificase rapidamente coa rexión á que pertencemos".
Por último, LNE cita o alcalde de Santalla de Ozcos, Antonio Riveras (IU), que afirmou que os veciños do Eo-Navia "teñen o seu propio idioma e non precisan que veña a Real Academia Galega, porque o único que pode facer é o que fixo co galego que é transformalo".
A opinións filolóxica desde Asturias
O xornal completa a ampla cobertura realizada a partir das manifestacións de Méndez Ferrín recollendo a opinión do "filólogo e escritor, Xosé Miguel Suárez"; do "profesor de Lengua e escritor en fala, Ignacio Vares; e do "presidente da asociación Xeira, Xabiel G. Menéndez". Os dous primeiros participaron na elaboración das Normas Ortográficas do Galego-Asturiano editadas pola Secretaría Lingüística do Navia-Eo.
Suárez explica que desde un punto de vista filolóxico "o que se fala no Navia-Eo é galego-portugués, mais outra cousa é o plano sociopolítico, identitario ou como se lle queira chamar. Iso explica que en Galiza non se usen as normas do portugués e que en Asturias non se queira usar a normativa do galego".
Vares explica: "Non se pode negar que compartimos rasgos con Galiza, mais tamén é certo que o galego non é unitario porque non é igual o que se fala nas Rías Baixas ca o que se fala en Ribadeo. A unidade márcaa unha decisión política". "Que non pretendan dicir que por fenómenos lingüísticos isto é galego. Creo que se Galiza chegara até o Navia non teriamos que renunciar ás diferencias, mais non é así, e por iso aquí non hai vontade de renunciar a estas características propias".
Por último, o presidente de Xeira asegura que "a riqueza de publicacións no Navia-Eo é debida á grande identidade da poboación cunha variedade lingüística diferenciada do galego". Menéndez considera que a zona eo-naviega é "moi apetecíbel" xa que conta "cunha nómina moi importante de escritores cunha calidade literaria e editorial asombrosa, que xa quixeran moitas zonas cunha lingua máis forte". Xeira coincide con Ferrín en que a solución ("a estas inxerencias de Galicia", di LNE) é que se declaren oficiais tanto o galego-asturiano como o asturiano.
Conclusión de LNE
"Así as cousas no Occidente todo o mundo parece ter claro que o galego-asturiano ou fala é unha lingua máis de Asturias en boca de falantes que se consideran e son asturianos", conclúe LNE ao respecto de toda a 'polémica' nunha das súas informacións elaboradas nestes últimos días.