Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Chiapas

Un átomo de poesía e unha risa rebelde

Remata o festival da palabra e empeza a miña viaxe particular. Iván Prado escribe a súa última crónica desde Chiapas.

Iván Prado - 10:30 27/01/2010

Última xornada do foro; inicio dunha viaxe sen folla de ruta nin calendario. Remata o festival da palabra e empeza a miña viaxe particular: quizais Oaxaca a comunidades en resistencia, quizais restos de la APPO, quizais unha viaxe aos huicholes do norte que poden estar interesados no noso traballo, quizais... o seguro é o pouso rebelde que levo destes días no Seminario Internacional; de buscas e preguntas, xuntas de bo goberno, autonomía e territorialidade, comunitarismo e democracia realizada.

SMS, facebukes e outros poemas:

  1. SMS que me manda un cuate dende a arxentina: "neno, estamos ante unha nova forma de política baseada na realidade e nunha concepción do poder activa e con vida de verbo. Ciao bacallao ".
  1. Leo no meu facebuke algo que responde unha colega clown de chile: "necesitamos unha nova escoita, esa que implica comprender a outra sen deixar de sentir a forza do que nos nace de dentro pero superando a confrontación directa e asumindo a polaridade dos contrarios. Bicos ricos ".

Unha vez máis, o zapatismo reúneme e reúneme como un crebacabezas humano que se reinventa a cada paso. Transformeime nunha arte dunha elite sen fronteiras nin clases, coprotagonista da historia que virá, nesta universidade da terra. Celebro, emociónome na teoría; esa que se deu en forma de festival na Grecia que nos pariu.

Choro en latín, en galego, en tojolabal a festa desta reinvención do mundo.

O EZLN pechou durante tres días os caracois; nas rúas fálase de tropas mexicanas atrincheiradas, de movementos civís radicais ameazando con grandes accións e tomas de pazos, televisións e estradas. E terceiras vías campesiñas que piden que non corra o sangue senón a xustiza, mentres o capitalismo se devora a si mesmo a imaxe e semellanza do Goya máis escuro e preclaro. Os e as zapatistas sen estar presentes están e son o corazón e a pluma de corazóns irredutibles que levantan teoría revolucionaria.

Nada agradezo porque todo debo.

E falta o que falta, pero o que importa é o importante. Así que, mentres os foros voan mundos e ceos por descubrir, Lokonuk dedícase a facer xogos cos compas dunha comunidade tzotzil; maxia e risas que me irmandan cun compa de 12 anos chamado Armando que me rouba o corazón e palestina de Nablus do pasado abril. Ponte e metáfora, vaise camiñado con ela posta sobre as súas roupas tradicionais dos altos de Chiapas cheos de azuis brillantes.

Un átomo de poesía e unha risa rebelde.

Marcho.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: