Bota a andar a Plataforma en Defensa do Sistema Público de Servizos Sociais para facer fronte á “privatización e mercantilización” da atención.
A presentación pública da Plataforma fíxose este martes en Compostela
As máis de 60 entidades sociais, concellos e colectivos que impulsan a Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais presentáronse oficialmente este martes en Compostela. O obxectivo, tal e como adiantaba Vieiros, é “impedir a posta en marcha de actuacións” por parte da Xunta dirixidas á “privatización e mercantilización” dos servizos sociais, ademais da posta en marcha de actuacións dirixidas a “fortalecer” o actual sistema.
Velaquí o seu Manifesto en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais:
1.- Desenvolvemento da Lei 13/2008 do 3 de decembro, de servizos
sociais de Galicia que entrou en vigor o día 18 de marzo de 2009 na
que se define aos servizos sociais como un sistema público de
servizos, constituíndose no 4º piar do benestar xunto coa educación, a
sanidade e a seguridade social; recoñece o dereito aos servizos
sociais como un dereito subxectivo das persoas, do conxunto da
poboación, e obriga a incluír nos orzamentos anuais da Xunta e das
entidades locais as partidas necesarias para o financiamento do
sistema galego de servizos sociais.
2.- Implantación xeneralizada da Tarxeta Social Galega, de carácter
persoal e intransferible que acredita como titular do dereito ao
acceso aos servizos sociais: Posta en marcha do Expediente social
básico único e do Mapa Galego de servizos sociais no que se definen as
áreas sociais e se establecen os criterios de dotación de centros e de
servizos en todo o territorio galego.
3.- Aprobación e desenvolvemento do Catálogo de servizos sociais
definido na Lei de servizos sociais de Galicia. (antes do 18 de marzo)
4.- Dotación dos medios precisos á Axencia Galega de Servizos Sociais
para a súa posta en funcionamento e o cumprimento das súas funcións.
5.- Revisión urxente da regulación legal da renda de integración
social de Galicia establecida na Lei 9/1991, do 2 de outubro, de
medidas básicas para a inserción social, e elaboración e aprobación
dunha nova lei de inserción social de Galicia. (antes do 18 de marzo).
6.- Determinar os equipamentos, persoal profesional e equipos técnicos
interdisciplinares en cada nivel de actuación da estrutura básica dos
servizos sociais, tanto municipal como comarcal. Fixando as
titulacións e as cualificacións profesionais e os ratios de cobertura
dos equipos de traballo. Todo elo coa aprobación do Consello Galego de
Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais.
7.- Consolidación da rede de Oficinas I+B do Consorcio Galego e a súa
ampliación que garanta unha eficaz cobertura das necesidades, dotadas
de equipos profesionais interdisciplinares que actuando en rede
complementen o labor dos servizos sociais comunitarios básicos dos
concellos en relación coas situacións de exclusión e desigualdade
social.
8.- Consolidación da xestión pública dos centros de atención
xerontolóxica que atenden a persoas en situación de dependencia ou en
risco de padecela, en particular a rede de Centros de Día.
Consolidación de programas de proximidade como o Xantar na Casa ou o
Transporte Adaptado 065 que vertebren e homoxenizen a atención en toda
Galicia.
9.- Constitución inmediata dos órganos de participación recollidos na
lei, nomeadamente o Consello Galego de Benestar Social (debera estar
constituído antes do 18 de decembro de 2009) e a Mesa Galega de
Servizos Sociais. (antes do 18 de marzo)
10.- Constitución da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e
Inclusión Social, que asuma, ademais das funcións previstas no artigo
65º desta lei, as funcións establecidas no artigo 54 da Lei 9/1991, do
2 de outubro, de medidas básicas para a integración social. (antes do
18 de marzo)