O seu portavoz no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou un escrito alertando da frecuencia con que se dá, entre outros, en documentos oficiais e webs.
Francisco Jorquera
O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou un escrito na Cámara exixíndolle explicacións ao goberno español polo que define como "certa rutina" ou "resistencia" de moitos organismos da Administración Xeral a utilizar os topónimos galegos legais.
"Son frecuentes os casos de resolucións, ordes, reais decretos, páxinas web ou outros documentos ou comunicacións onde aparecen denominacións de cidades e/ou concellos de Galiza que non se axustan á legalidade nin ás formas orixinarias, non deturpadas", quéixase o deputado.
Como exemplo serve unha recente convocatoria de axudas do Ministerio de Industria e Comercio para a adquisición de equipos sincronizados de TDT na que figura unha designación non oficial das provincias de Ourense e da Coruña, en troques da legal e orixinaria.
Incumprindo unha norma do Congreso
Jorquera considera "sintomático" que neste caso se estea a incumprir unha normativa legal aprobada en 1998 polo propio Congreso dos Deputados, que xa estabeleceu cal debía ser a denominación destas provincias nos documentos oficiais da Administración Xeral.
Nese senso, pregúntalle ao goberno español se pensa rectificar e se o Ministerio de Industria vai ser "máis coidadoso" á hora de facer uso das denominacións de lugares de Galiza, concretamente dos seus concellos, cidades e provincias, para que se correspondan coas "orixinais e legais".