Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓNS NO CONSORCIO DE IGUALDADE

“Estamos cansas de tanta manipulación, mais non vencidas”

Cunha nova folga, as traballadoras do Consorcio exixen a aplicación do convenio negociado en marzo e desmenten que perciban elevados salarios.

Redacción - 13:41 19/01/2010

“Non é certo que cobramos o que se publica nalgún medio de comunicación con clara intención manipuladora”, asegura Laura Estévez, presidenta do comité da Coruña do Consorcio de Servizos da Igualdade e do Benestar. Para desdicir algunha das falsidades coas que entenden que se está a manipular a opinión pública, Estévez aclara que a media salarial das 1.250 traballadoras que prestan estes servizo ascende a 800 euros no caso de auxiliares administrativas e a 1.200 euros no caso das que contan con licenciatura.

Precisamente para reivindicar a suba salarial acordada no convenio negociado o pasado mes de marzo, entre outras peticións, volveron saír este martes á rúa. Sorteando novamente uns servizos mínimos considerados polas manifestantes como “abusivos”, as traballadoras do Consorcio mobilizáronse partindo dende a compostelá Praza do Toural para chegar até San Caetano, onde deron lectura unha vez máis ao conxunto das súas reivindicacións. Ademais de exixir a aplicación do devandito convenio, demandaron a realización das oposicións paralizadas e reiteraron o seu rexeitamento ao desmantelamento das oficinas de I+B. A CIG cifrou o seguemento da folga nun 90%; Traballo nun 56%.

Máis dun ano de mobilizacións
“Logo de tanto tempo de manifestacións estamos comezando a cansar”, di Laura Estévez, “en todas as mesas de negociación saímos sen ningún tipo de compromiso para avanzar cara adiante”. Con todo, as traballadoras do Consorcio adiantan que non se darán aínda por vencidas e prometen as mobilizacións que sexan precisas.

A vindeira mesa de negociación está convocada para o próximo 10 de febreiro, se ben as expectativas volven ser pesimistas. “O xerente xa nos adiantou que hai problemas a nivel orzamentario para a negociación do convenio”, explica. O texto acordado o pasado mes de marzo contemplaba unha suba salarial dun 4%, mais nas últimas xuntanzas o Goberno non ofrecía máis do 2% estipulado para todo o persoal da Xunta. “Xa nos din que non aspiremos a máis nada e iso non supón máis que dous euros máis para cada traballadora”.

Con todo, dende o Comité insisten en que a cuestión salarial non é o único que lles preocupa: “ademais, tamén tiñamos un acordo de redución de xornada até 37 horas e media que agora queren deixar en nada”, explica Estévez. Alén destes puntos, tamén exixen que se realicen as oposicións paralizadas ou que a Xunta contemple nos orzamentos con partidas para manter o traballo das Oficinas de Igualdade e Benestar (I+B).

I+B, pola vía xudicial
En concreto, outra das demandas que levou ás traballadoras á rúa é a do mantemento dos postos de traballo e o rexeitamento ao desmantelamento destas Oficinas I+B. Despois do despedimento das 61 persoas que prestaban este servizo, o Comité exixe a súa readmisión. Porén, logo das últimas declaracións dos responsábeis da Xunta ao respecto, Estévez confirma que neste tema as traballadoras acudiron xa á vía xudicial.

Nesa liña, seguen amosando a súa “rotunda oposición ao desmantelamento do carácter público do Consorcio e da privatización dos servizos sociais”, así como demandan que se celebren os procesos selectivos de persoal xa convocados e coas bases aprobadas e publicadas e que se resolvan todas as irregularidades que se están a dar na actualidade no que ten que ver coa xestión das listaxes, substitucións, cobertura das baixas ou falla de recursos materiais, entre outras deficiencias.


Ligazóns

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: