Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións en Chile

O multimillonario Piñera apaña a presidencia chilena para a dereita

Por estreita vantaxe, Sebastián Piñera venceu na disputa fronte ao candidato da Concertación, o ex presidente Eduardo Frei.

Redacción - 09:30 18/01/2010
A presidenta saínte, Michelle Bachelet

A presidenta saínte, Michelle Bachelet


Con practicamente o total dos votos escrutados, Sebastián Piñera rabuñaba a última hora deste domingo o 51,6% dos apoios, fronte ao 48,3% do candidato da Concertación, Eduardo Frei. Un resultado que lle outorga, por primeira vez en medio século, o poder á dereita pola vía das urnas.

"Os cidadáns optaron pola alternancia e entregáronnos a marabillosa responsabilidade e o desafío de conducir os destinos da patria", afirmou Sebastián Piñera logo de coñecer a vitoria. Piñera aspiraba á presidencia baixo o lema "Súmate ao cambio" e era esta a cuarta ocasión na que competía. Na última, en 2005, fora derrotado na segunda volta pola agora presidenta saínte, Michelle Bachelet, quen deixa o cargo cun elevado apoio social, segundo rexistran as enquisas. "Deséxolle éxito na súa xestión e espero que prevaleza o diálogo, os acordos e as conquistas sociais que tanto nos custou lograr", expresou o derrotado a noite do domingo, Eduardo Frei, quen xa presidira Chile entre 1994 e 2000.


Actualización 10h do 17 de xaneiro
:
Lixeira vantaxe da dereita no combate polo poder en Chile
A pé destas liñas poden ver un vídeo moi comentado os últimos días nas corredoiras internáuticas chilenas, onde o candidato da dereita, o multimillonario Sebastián Piñera, candidato da Coalición por el Cambio, baila nun programa da televisión o coñecido Thriller de Michael Jackson. Non son poucos os que ironizan ao fío da coreografía cos monstros que a candidatura de Piñera agocharía por baixo da cara amábel coa que compite pola presidencia do país. A Coalición que lidera, alén do seu propio partido, a Renovación Nacional (RN), incorpora tamén a Unión Democrática Independiente (UDI), e na memoria permanecen aínda os vencellos co pinochetismo dos alicerces que sosteñen os conservadores chilenos.

Na primeira volta das eleccións, a fragmentación na beira esquerda, deixou o candidato oficial da Concertación pola Democracia, o democristián Eduardo Frei, con pouco menos do 30% dos votos, fronte ao 44% de apoios de Piñera. Finalmente, o terceiro daquela, o independente Marco Enríquez-Ominami, expresou publicamente o seu apoio a Frei para esta segunda volta. Unha unión de forzas que, segundo as enquisas, non será abondo para evitar que a dereita chegue por vez primeira en dúas décadas ao poder en Chile. A última sondaxe dáballe apenas 1,8 puntos porcentuais a Piñera sobre Frei, distancia que os analistas definen de empate técnico. A incerteza tócalle resolvela este domingo a oito millóns de electores.

Para ampliar na prensa chilena:


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: