Para non perder poder adquisitivo, aquelas nóminas que baixan da media galega deberían experimentar un incremento dun 3% neste ano.
Antolín Alcántara e Margarida Corral repasaron as prioridades da CIG para os procesos de negociación colectiva en 2010
Os salarios e a xornada laboral. Estes serán os dous eixos nos que necesariamente vai centrarse a CIG na negociación colectiva do ano que acaba de comezar. De inicio, o sindicato propón que os salarios que se atopen por debaixo da media galega, que estima en 18.100 euros, suban 540 euros ao ano (é dicir, un 3%) para evitar unha perda de poder adquisitivo. Así o adiantou o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral deste sindicato, Antolín Alcántara, quen asegurou que o recorte ou a contención salarial non garanten unha maior competitividade nin van favorecer unha máis rápida saída da actual situación de crise económica.
Galiza, salarios baratos e igual crise
Alcántara critiu que se empregue como referencia para as actualizacións salariais o Índice de Prezos ao Consumo (IPC), xa que este indicador mide unha inflación "moi concreta" que, segundo explicou, non pondera o suficiente, por exemplo, o peso da alimentación. Salientou tamén que, segundo a OCDE, entre os anos 1997 e 2007 os salarios situáronse 11 puntos por baixo da inflación e subliñou que segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) as rendas de capital superan en Galiza ás de traballo.
"Os ingresos do 20% da poboación son superiores aos do 80% restante", dixo ao tempo que afirmou que "Galiza non é máis competitiva malia ter uns salarios un 30% máis baixos que en Madrid ou Cataluña onde sempre tiveron máis emprego, máis actividade e están sufrindo con menos intensidade as consecuencias da crise".
A crise como desculpa
O responsábel de negociación colectiva na CIG alertou tamén de que "moitas empresas aproveitan os ERE's para estabelecer a xornada flexíbel con carácter permanente e non como unha medida puntual". A CIG entende que os efectos da sobre-extensión da xornada flexíbel amortizan emprego, polo tanto "calquera acordo destas características debe ser estritamente temporal en función do momento e das circunstancias da crise en cada ámbito".
Sobre o contrato alemán, tan en voga nos últimos días, Alcántara amosou as súas dúbidas. Considerou que "pode ser parecido a un ERE de xornada parcial con cargo, en parte, á prestación por desemprego do traballador". O máis preocupante para este sindicato é a cuestión de se só se aplicaría neste tempo de crise ou se se podería chegar a converter nun contrato estándar con vixencia indefinida.
Pola súa parte, Margarida Corral Sánchez, secretaria confederal de Muller, lamentou que a crise se empregue como escusa para paralizar as medidas de promoción de igualdade que xa estaban en marcha. "A prioridade dos traballadores é saír adiante e a discriminación por xénero pasa a un segundo termo", dixo ao tempo que reclamou que "se activen todos os mecanismos para protexer as traballadoras" e que "se poña en marcha medidas que fomenten a súa inserción laboral e se resolvan as diferencias que persisten en comparación cos homes, como o feito de que os seus salarios sexan menores".