O BNG denuncia a "supresión do galego" dos paneis das vías de comunicación con indicacións sobre meteoroloxía.
O Grupo Parlamentario do BNG denunciou este luns unha "nova exclusión da lingua galega" e, en concreto, dos paneis electrónicos nas estradas e autoestradas que percorren o noso país con indicacións relacionadas co estado da meteoroloxía como nevaradas, xeo ou recomendando o adianto da volta á casa.
Nunha iniciativa rexistrada na Cámara, o deputado nacionalista Bieito Lobeira pregunta as razóns polas que "se adoptou a decisión de suprimir o galego" destas informacións, e cuestiona por cal son as medidas que ten previsto adoptar a Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre estes feitos, co fin de "garantir o dereito e liberdade dos galegos a obter no seu idioma a información sobre o estado das vías".
Para o parlamentario do BNG, "non existen motivos obxectivos" que xustifiquen a desaparición do galego nos paneis informativos, e asegurou que "nin sequera se pode falar dun problema de carácter tecnolóxico". Así, enmarcou esta situación "nun novo ataque ao idioma e ao dereito dos cidadáns" a se expresaren e informaren na lingua propia.
Bieito Lobeira recordou que, con anterioridade, o galego si estaba presente na maioría destes sinais, mais advertiu que "nos últimos días foi posíbel comprobar como toda a información visual subministrada en estradas e autoestradas aparecía en exclusiva en español".