Os galegos gastarán este ano e neste treito de saldos 90 euros de media, un 14% menos que o ano anterior.
O gasto medio dos galegos nas rebaixas de inverno, que comezan este xoves, descenderá até os 90 euros, o que representa un descenso de máis do 14%, en relación coa cantidade media destinada en 2009, que foi de 105 euros, segundo un estudio da Federación de Usuarios-Consumidores Independentes (FUCI). Con todo a Federación Galega de Comercio calcula que as vendas nas rebaixas de inverno ascenderán a 98 millóns de euros, unha cifra similar á do ano pasado.
A nivel estatal o gasto medio estabelécese en 95 euros (un 10% menos que o ano pasado). A plataforma advirte de que os consumidores deixaron de ver as rebaixas como unha oportunidade de atopar un capricho a bo prezo para consideralas unha forma de comprar os artigos imprescindíbeis que entren dentro do seu "cada vez máis minguado presuposto".
Madrid, cun gasto estimado de 108 euros, e Cataluña, con 105, serán as áreas máis consumistas, seguidas de Cantabria e Valencia (100 euros). Do outro lado, Castela-A Mancha e Canarias, cun gasto por debaixo dos 90 euros, serán as menos consumistas durante as primeiras rebaixas do ano, con 89 e 88 euros, respectivamente.