Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIGO-A CORUÑA

Enésima lea socialista a propósito da fusión das caixas

Caballero rexeita a "absorción", que interpreta como "un ataque a Vigo". Losada avoga por unha "entidade forte" co poder de decisión na Coruña.

Redacción - 09:00 05/01/2010

As rifas entre os alcaldes socialistas de Vigo e A Coruña continúan nestes días logo da aprobación no Parlamento da Lei de Caixas.

O rexedor vigués exixiu ao presidente da Xunta, que aclare se Caixanova e Caixa Galicia "están en risco" de perder o seu poder de decisión en favor dunha entidade de fóra. Abel Caballero entende que este argumento é unha "falacia" e entende que a galeguidade da entidade resultante está a día de hoxe garantida.

Unha vez mais, o alcalde rexeitou a "absorción da Caixanova", que interpreta como un "ataque aberto" a Vigo e denunciou a intención da Xunta de "levar o poder de decisión para A Coruña". Nesa liña, anunciou que o Concello de Vigo recorrerá "ante os tribunais" que a nova normativa permita que os socios fundadores (como o propio consistorio) queden sen representación nos consellos de administración.

Opinión propia
"A min ninguén me di que teño que opinar ao respecto da fusión das caixas" afirmou Xabier Losada ao respecto da liña seguida polo PSdeG. O alcalde da Coruña asegurou que "se a nova Lei de Caixas é recorríbel, o goberno español terá a obriga de presentar tal recurso". Persoalmente, considerou o texto "mellorábel", avogou por crear unha entidade financeira "forte" e reclamou que a sede desta futura entidade se sitúe na Coruña.

"Se nos rexemos por todos os datos socioeconómicos evidentemente o lugar onde ten que estar situada esa sede é na Coruña", dixo ao tempo que insistiu en que defenderá "en todo momento aquilo que sexa un beneficio para a cidade".


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: