Os cidadáns que acudiron até a Praza do Obradoiro convocados por 'Queremos Galego' concentraranse diante do edificio administrativo onde se está a celebrar o Consello da Xunta.
O frío e a choiva non escorrentaron ánimos este mércores en Santiago de Compostela, onde contra ás 17 horas da tarde unha multitude ateigou a Praza do Obradoiro en defensa da lingua do país.
Convocados pola plataforma Queremos Galego, concentráronse diante do Pazo de Raxoi onde se agardaba que este mércores se celebrase o Consello da Xunta, tal e como o executivo liderado por Alberto Núñez Feijoo vén facendo desde o inicio desta lexislatura. O cambio desta reunión ás instalacións da Xunta en San Caetano foi xustamente un dos reproches realizados polo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, durante a súa breve intervención no Obradoiro. Callón censurou a "política galegófoba" do actual Goberno e denunciou o ataque "contra a nosa lingua no ensino".
Por último, convidou á masa de xente que acudiu á concentración no Obradoiro a marcharen cara á outra beira da cidade deica á sede do Goberno en San Caetano para expresar o rexeitamento social á derrogación do decreto aprobado na anterior lexislatura. Recordan desde a Mesa que calquera proposta que vaia por debaixo do 50% de docencia no idioma propio do país, será "nula de pleno dereito", xa que vulnerará a Lei de Normalización Lingüística.
Por outro lado, a plataforma Queremos Galego anunciou a convocatoria dunha folga no ensino á volta das vacacións escolares. A data elixida para o paro nos centros: o próximo 21 de xaneiro. Esta acción de protesta fora xa anunciada por un dos colectivos integrantes da rede, a CIG-Ensino, e outros colectivos, como a Mocidade pola Lingua, fixeran tamén o seu propio chamamento á folga en todas as escolas do país.