O colectivo ecoloxista túrralle das orellas concedéndolle a distinción de Dioxina aos líderes mundiais, a Fernández de Sousa e á conselleira Rosa Quintana.
Adega xa ten claro quen merece os aplausos e quen os apupos en 2009. Así, o colectivo ecoloxista decidiu concederlle os premios Osíxeno á Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa e ao ex alcalde da Veiga Fernando Fernández Yáñez. Tamén gaba a traxectoria de Isaac Díaz Pardo dándolle o premio de honra polo compromiso co país e coa cultura.
No outro extremo, os premios Dioxina son para os líderes mundiais, logo do fracaso da xuntanza de Copenhagen; para o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa; e para a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Os premios entregaranse no decurso dun xantar que terá lugar o vindeiro sábado 9 de xaneiro, ás 14 horas, no coñecido restaurante “O Dezaseis” de Compostela.
Poden ver aquí na páxina de Adega a xustificación de cada premio.