A Xunta desvelará esta semana o modelo lingüístico que entrará en vigor o vindeiro curso.
O goberno de Núñez Feijoo presentará publicamente esta semana o borrador do decreto lingüístico para o ensino non universitario. O excutivo deixa para final de ano unha das reformas máis polémicas e que máis factura lle pode pasar no primeiro ano da lexislatura. Mentres os colectivos a prol da normalización agardan con moito escepticismo, o máximo responsábel de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reiterou este luns que a nova norma está pensada para garantir que os alumnos teñan a mesma competencia lingüística tanto en galego coma en castelán.
A Consellaría de Educación esforzouse ao longo dos últimos meses en evitar calquera tipo de filtración dos traballos do borrador. Aínda que a información que trascendeu foi moi escasa, a xestación do novo decreto non foi fácil nin de portas para adentro. Os sectores do PPdeG máis próximos a Galicia Bilingüe presionaron ao conselleiro para que se “garanta” a liberdade de elección dos pais. De feito, tal e como anunciara Vieiros hai seis meses, houbo propostas en firme como as de marcar dúas materias en galego (Lingua e Sociais) e dúas no outro idioma (Matemáticas e Castelán). O resto das materias elixírianse nos centros.
Nas últimas semanas colleu forza a “teoría dos terzos”, que repartiría a partes iguais as materias en galego, castelán e inglés. Dende a propia Xunta son conscientes que isto é extremadamente complicado de levar á práctica.