Por outra banda, o PSdeG advirte de que o novo decreto para o uso do galego no ensino "rematará en recurso" de supor "un ataque" contra a lingua.
Anxo Lorenzo
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recoñeceu este venres que "non é doado atopar momentos de fácil concordia política en asuntos de lingua", aínda que avogou por lograr "compartir unha valoración común" para xerar unhas pautas básicas "que garantan unha axeitada acollida das medidas" en materia lingüística.
Durante a súa intervención no Simposio Internacional Ecolingua 2009, Lorenzo incidiu en que é importante que se faga unha reflexión dende as forzas políticas, dende as institucións e dende os axentes que actúan no proceso de difusión do galego sobre "os acertos e desacertos do camiño andado, sobre o modo de presentación de iniciativas dinamizadoras ante a sociedade e sobre os modos de implicación da sociedade neste proceso".
Nesta liña, Anxo Lorenzo pediu "responsabilidade" aos voceiros políticos para despois destacar a importancia de que o galego "reforce o seu valor" para a "cohesión social", e sexa percibido como elemento útil para a sociedade.