Antón Gómez-Reino, activista galego na capital danesa, coméntanos os últimos incidentes coa Policía do país, que -di- non emborrallan porén os éxitos do Klimaforum.
'O mundo nas súas mans'
Esta semana xa advertía da violación de dereitos civís por parte da Policía danesa, con detencións arbitrarias, agresións desproporcionadas e mesmo o uso de gas pementa. Antón Gómez-Reino, un dos activistas do noso país que se desprazaron a Copenhaguen para protestar e presionar os líderes mundiais, reunidos na COP-15, volveu ser testemuña esta cuarta feira da violencia policial.
Tal e como nos avanzaba Gómez-Reino, o obxectivo dos participantes no Klimaforum (o contracumio) era acceder ao aparcadoiro do Bella Center -onde os mandatarios 'negocian' un protocolo sobre o cambio climático que substitúa o de Quioto- co fin de organizar unha asemblea aberta.
Porén, as Forzas de Seguridade aplicaron xa desde a madrugada anterior unha estratexia de "neutralización preventiva". "A manifestación estaba dividida en bloques. Había un de bicis que non puido saír porque a Policía foi ao centro social onde durmían, confiscou todas as bicis e pechou o local", relata Gómez-Reino.
O activista de FugaEmRede, ao igual que o resto de representantes do noso país de CS Propolis, Universidade Invisíbel, CSA Atreu!, Galiza Non Se Vende e IMC Galiza, formaba parte do denominado "Bloque azul", o bloque central composto por arredor de seis mil persoas dos que ás inmediacións do Bella Center só chegou a metade. Polo camiño, múltiples detencións.
Un forte cordón policial agardábaos. Antón Gómez-Reino salienta que en ningún caso se produciu ningunha agresión por parte dos manifestantes, moitos formados por colectivos de América Latina. Mesmo os grupos partidarios dunha acción directa e contundente nas rúas, os coñecidos como "Black Bloc" ("Bloque Negro"), decidiron ficar nas rúas do centro de Copenhaguen.
"Só turrabamos cos nosos corpos, non houbo nin patadas, nin nada que xustificase que os medios falasen de nós como violentos", asegura. A partir dese momento, a Policía fixo 'o seu labor'. Pouco a pouco foi dispersando os grupos, illando uns dos outros e mesmo "cargaron contra os delegados da cimeira oficial que baixaban para se nos unir", di.
Finalmente, algúns puideron chegar contra as 20.00 horas ao centro da cidade, onde organizaron unha asemblea con moitas ausencias. No entanto, Gómez-Reino fai un balance "moi positivo" do Klimaforum e dos grupos da rede Climate Justice Action, que nos vindeiros meses estenderán o traballo "por todo o continente, a nivel local".
Máis crítico é coa COP-15, tanto pola súa "organización caótica", como pola "xestión institucional" e sobre todo polo resultado final que augura: "un acordo de mínimos, moi mínimos". En definitiva, cualifícao de "fracaso absoluto".
Ao respecto da acción das forzas de seguridade engade algún detalle máis que ilustra ben o seu comportamento: "A Policía entrou nalgunhas casas de residentes en Copenhaguen á primeira hora da mañá e levaba a xente detida. Os daneses apoian as protestas, velos nas fiestras aplaudindo, mais non se incorporan porque confesan que están atemorizados."