Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Antón Gómez-Reino, activista en Copenhaguen

"Botade auga nos ollos, que van bombardear con gas pementa"

Militante altermundista de FugaEmRede, é testemuña directa da "violencia policial" en Dinamarca onde se desenvolve o Cumio do Clima e en paralelo, o Klimaforum.

Fernando Arrizado - 17:25 15/12/2009
A actuación policial, baixo sospeita

A actuación policial, baixo sospeita

Os ministros de 192 países retomaron este martes en Copenhaguen os contactos, logo dun día de desencontros entre representantes dos países ricos e dos de en vías de desenvolvemento para chegar a un acordo que regule as emisións de gases de efecto invernadoiro e substitúa o de Quioto.

Paralelamente a esta 15ª Conferencia das Partes (COP-15) da Convención Marco da ONU sobre o Cambio Climático, milleiros de militantes altermundistas chegados de todo o mundo participan en multitude de actividades paralelas ao abeiro do Klimaforum.

Antón Gómez-Reino, do colectivo FugaEmRede, é un dos activistas do noso país desprazados á capital danesa para participar neste contracumio. Para exixir xustiza climática. CS Propolis, Universidade Invisíbel, CSA Atreu!, FugaEmRede, Galiza Non Se Vende e IMC Galiza tamén teñen representación en Dinamarca.

Se a COP-15 ten visos de ser un fracaso absoluto, nas rúas a Policía pretende que o Klimaforum tampouco sexa un éxito. Malia a violación de dereitos civís, con detencións arbitrarias e leis ad hoc do parlamento danés, non o están a conseguir. A unión entre colectivos, 10 anos despois da revolta de Seattle, está a ser máis forte ca nunca, explica Gómez-Reino en conexión telefónica desde Copenhaguen.

Vieiros
: Case un milleiro de persoas detidas o pasado o domingo. Como se viviu?

Antón Gómez-Reino: Ademais da habitual suspensión do Convenio de Schengen (libre circulación de persoas entre Estados da UE) que se aplica neste tipo de cimeiras, o parlamento danés aprobou unha modificación da lexislación para lle permitir a Policía deter calquera persoa na rúa que consideren susceptíbel de alterar a orde. O que fixeron o domingo foi bloquear varios tramos da manifestación de entre 300 e 400 persoas, elixidos arbitrariamente, e practicar as detencións.

Curiosamente isto sucede en Dinamarca ...

Dinamarca, que pode parecer un símbolo de estado democrático, é ao tempo ambivalente. As garantías xudiciais foron totalmente violadas. Mantiveron os detidos até cinco horas sentados no chan, iluminados con focos e rodeados por cans. E o luns sucedeu o mesmo nunha outra mobilización prevista no porto. Paradoxalmente, esta falla de garantías xudiciais sorprendeu máis entre os que chegamos do sur de Europa. Aquí non están afeitos a este tipo de manifestacións tan multitudinarias, e a Policía leva a cabo este tipo de actuacións como ferramenta de disuasión.

Este luns tamén estaba previsto un encontro dos diferentes movementos e redes con Naomi Klein e Michel Hardt. Como foi?

A situación ilustra perfectamente o que está acontecer. Xuntámonos unhas mil persoas de toda clase, condición e idade no barrio autónomo de Christiania, que equivale a unhas catro ou cinco mazás, baixo unha carpa de circo. Ao rematar o mítin, estaba prevista unha festa, mais avisáronos por altofalantes que a Policía tiña rodeado o recinto, que había un helicóptero sobrevoando, e que nos preparásemos para botar auga nos ollos porque nos ían bombardear con gas pementa. Salvounos a cooperación entre nós para saír da carpa sen que se estendese o pánico. Fóra, para saír do barrio, os policías con focos e cans formaban un corredor polo que había que pasar, e arbitrariamente ían detendo algúns, esposándoos con cabos de plástico, coas mans por diante os nacionais, e polas costas os estranxeiros. Isto xa se sabe. É un laboratorio onde as Forzas de Seguridade proban tácticas en situacións de emerxencia, que logo acabarán aplicando todos os estados.

Pesimista, logo?

Cómpre salientar que malia as actuacións policiais, de onde xorde a violencia, as cousas están a saír ben. Que malia as ameazas, mesmo de asaltaren os albergues onde durmimos a altas horas da madrugada, malia as actuacións propias do que se coñece como "Guerra de cuarta xeración", os movementos están a afianzar a súa colaboración para protestarmos e presionar directamente os políticos, para facermos valoracións e análises conxuntas.

Que outras actividades paralelas se van desenvolver nesta recta final da cimeira?

Mañá (por esta cuarta feira) será o último grande acto, logo da histórica mobilización do domingo. O obxectivo é tomar o Bella Center. Non as tribunas, senón o aparcadoiro co obxectivo de organizar unha asemblea coa participación de movementos indíxenas e de países do sur, a Vía Campesiña, ... Neste senso, acordouse realizar unha xornada de desobediencia civil pacífica, sen accións de resposta activa á violencia policial, para os protexer. Ademais, agárdase que se unan representantes de países africanos, de Venezuela, que participan na xuntanza oficial.


Ligazóns

4,27/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Milleiros de cidadáns participan nas actividades e mobilizacións que se organizan ao abeiro do Klimaforum09
Milleiros de cidadáns participan nas actividades e mobilizacións que se organizan ao abeiro do Klimaforum09
Case un milleiro de persoas foron detidas "arbitrariamente" na mobilización do domingo. Os arrestos repetíronse este luns
Case un milleiro de persoas foron detidas "arbitrariamente" na mobilización do domingo. Os arrestos repetíronse este luns
Naomi Klein, na sesión inaugural do Klimaforum09
Naomi Klein, na sesión inaugural do Klimaforum09